Xosé Manuel Carril encabeza a proposta de candidatura aprobada pola Asemblea Aberta
A Coruña, 20 de novembro de 2014.- A Asemblea Aberta celebrada na tarde de hoxe aprobou a proposta do primeiro tramo de candidatura co que o BNG-Asembleas Abertas concorrerá ás eleccións municipais de maio, unha proposta pendente de ser ratificada polo Consello Nacional do BNG, que terá lugar o 29 de novembro. A proposta dos dez primeiros candidatos e candidatas nacionalistas caracterízase pola pluralidade, pois inclúe persoas de referencia no BNG e persoas independentes (non militantes do Bloque), todas elas activistas que encarnan as distintas loitas sociais na defensa das persoas maltratadas e empobrecidas pola crise.
A candidatura, que encabeza o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, está elaborada desde a base, xa que todos os nomes que forman parte dela foron recollidos da asemblea aberta do 11 de novembro e das propostas remitidas ao Consello Local do Bloque, órgano que se encargou de darlle orde aos dez nomes.
O conxunto de asembleas abertas que está a ter lugar ao longo do país baixo o lema Construíndo Futuro e que responde a un proxecto en clave nacional para ensanchar o proxecto nacionalista terá continuidade nas próximas semanas e meses para, entre outros asuntos, a elaboración do programa co que o BNG-Asembleas Abertas concorrerá ás eleccións municipais.
A proposta da Asemblea Aberta que se remitirá ao Consello Nacional do Bloque é a seguinte:
- Xosé Manuel Carril: Doutor en Dereito. Profesor titular do Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade da Coruña (UdC). Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña.
- María Xosé Bravo: Profesora de Ensino Secundario. Concelleira do BNG no Concello da Coruña.
- Marisol Mirás: Traballadora da UdC e activista no movemento feminista e veciñal. Independente.
- Avia Veira: Filóloga. Concelleira do BNG no Concello da Coruña.
- Anxo Sánchez: Mozo informático en desemprego e activista xuvenil.
- Suso Bermello: Profesor de Ensino Secundario e sindicalista da CIG-Ensino.
- Isabel Risco: Actriz
- Fernando Souto: Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.
- Florentino Fernández: Traballador do sector do telemárketing e delegado sindical da CIG en Teleperformance. Independente.
- María Seijo. Traballadora da sanidade pública, activista da Plataforma SOS Sanidade Pública e presidenta da Xunta de Persoal do CHUAC.