Ante os suculentos beneficios de Emalcsa, o BNG propón a rebaixa do prezo da auga
A Coruña, 19 novembro de 2014- Tendo en conta os suculentos beneficios de Emalcsa e o reparto de dividendos, o Grupo Municipal do BNG insiste en reivindicar a rebaixa do prezo da auga, proposta que levou reconvertida en moción á sesión plenaria que tivo lugar onte e que o Partido Popular tombou. Dado o encarecemento do prezo da auga, con subas encubertas na cota de dispoñibilide e que provocan un aumento da facturación cos mesmos consumos, os ingresos de Emalcsa por venda de auga aumentan a 22,01 millóns de euros, tal e como recollen as previsións dos orzamentos municipais de 2015. Así, a auga, en lugar de ser un ben esencial da veciñanza, é un auténtico negocio de Emalcsa do que se nutre o Goberno local do PP.
O Grupo Municipal do BNG sinala que non é de recibo que o obxectivo de Emalcsa sexa o reparto de divindendos, desatendendo as súas obrigas de dar o mellor servizo posíbel ao menor custo, realizando sempre as obras necesarias para dar un servizo de mellor calidade. Engade o Bloque que Emalcsa non pode ser unha máquina de producir beneficios para financiar outras actividades distintas do seu obxecto social. Despois de cumprir con estas obrigas, salientan as nacionalistas, os excedentes deberían dedicarse a rebaixar o prezo da auga. As nacionalistas poñen como exemplo do que Emalcsa pode facer e do que sería desexábel a Empresa Municipal de Augas (EMA) de Xixón. A empresa asturiana xerou no pasado ano un beneficio de 1,5 millóns de euros e, de maneira exemplar, ese millón e medio de euros foi destinado a rebaixar as taxas da auga para favorecer a veciñanza.
O BNG propón como rebaixar o prezo da auga
Neste contexto, as nacionalistas explícanlle ao Goberno do Sr. Negreira como pode rebaixar o prezo da auga: voltar á situación anterior da cota de dispoñibilidade dos contadores antes de que se igualaran co de 20mm (2,5m3). Isto signficaría devolverlle a 100.000 persoas usuarias un total de 20 euros por ano e unha rebaixa de facturación de Emalcsa que seguiría obtendo beneficios- de 2 millóns de euros.