MUNICIPAIS 2019

Velaquí o noso tándem para A Coruña

Avia e Paco diante das persoas que participamos na Asemblea Local
Avia e Paco diante das persoas que participamos na Asemblea Local
Velaquí o noso tándem para A Coruña

A nosa Asemblea Local do designou a Francisco Jorquera e a Avia Veira como cabezas de lista da candidatura co que nos presentar na Coruña nas eleccións municipais de 2019.

A militancia apostamos así por Francisco Jorquera, peso pesado e referente político da nosa organización como cabeza de cartel, ao tempo que damos continuidade á nosa actual portavoz municipal, Avia Veira, que será a número dous da lista, e que supón un claro referendo ao seu traballo na actual corporación.

Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar “como un tándem” até a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos coruñeses e das coruñesas.

“Un bo goberno caracterízase por dúas cuestións: ter proxecto de cidade e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. A Coruña, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a perda de peso da nosa cidade, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”, salientaba Paco Jorquera.

O noso candidato lembraba que tras defender “con paixón e argumentos” os intereses da Coruña desde os parlamentos español e galego, “teño agora a oportunidade de traballar pola miña cidade desde o Concello, pola cidade na que vivo desde os nove anos e na que naceron a miña muller e os meus fillos”, salientou emotivo.

Paco e Avia avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiramos a construír “unha Coruña con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.

O noso candidato a alcalde afincaba o proxecto que propomos en dúas apostas claras: “Primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico da cidade; segundo, facer da Coruña unha referencia, en Galiza e fóra dela, de cidade inclusiva, igualitaria, feminista, verde e aberta”.

Jorquera insistía ante a militancia en que “para facer da Coruña esa cidade de referencia non hai que estar mirando ou imitando a outros. Chega con mobilizar toda a potencia, capacidade e recursos que ten en favor dun proxecto compartido de cidade”.

Remate da Asemblea Local onde eliximos a Paco e Avia como cabeceira da lista ás municipias

Culta, aberta e nacionalista

Nesta liña, explicaba, “a cidade que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición, a da Coruña culta, progresista e republicana, moderna e aberta, librepensadora, popular, galeguista e nacionalista”.

“No BNG sabemos facelo” –insistía- “e temos exemplos de prestixio internacional que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.

Convencido de que “esta Coruña é posible”, o candidato a alcalde polo BNG pediu o apoio activo de toda a militancia e fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado pola portavoz municipal Avia Veira, “que está a desenvolver un labor extraordinario e xa demostrou estar sobradamente preparada e ter a cidade na cabeza”.

“É un orgullo compartir candidatura con ela”, recalcou Jorquera, que tamén tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais e concelleiros e concelleiras nacionalistas e unha lembranza expresa para o primeiro alcalde nacionalista da Coruña, Domingos Merino.

Cambio de políticas

Pola súa parte, Avia Veira sinalaba que no seu labor de oposición procura “que o cambio de Goberno supuña un cambio de políticas, non só de caras”, destacando que o traballo municipal do BNG foi crítico “pero sempre acompañado de achegas e propostas en materia de servizos sociais, medio ambiente, mobilidade, mercados municipais, situación dos barrios”.

“Fixemos e, seguiremos nesa liña, facendo propostas transformadoras para logran que a cidade avance en clave de esquerdas, nacionalista e en favor das maiorías sociais”, subliñaba.

Avia fixo fincapé “no enorme potencial desta cidade que debe ser referencia para o país, unha Coruña aberta ao mar, con porto, parques empresariais, universidade, centros de investigación, barrios con sentir propio e organizados, cunha enorme tradición asociativa e cunha potencia cultural e creativa. Ten todo para medrar e avanzar”, concluía.

A Coruña, 22 de Xuño 2018.

Velaquí o noso tándem para A Coruña