PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA SOBRE OS PREGOS DO NOVO CONTRATO
O Concello non tivo en conta a demanda de conflito colectivo interposta polas traballadoras das bibliotecas
O problema é que cun incremento tan magro (menos do 10 por cento sobre a licitación anterior) o novo contrato contempla non poucas melloras a respecto do anterior: atención ao punto de servizo no centro cívico de Novo Mesoiro, cumprimento do novo convenio colectivo da empresa, cobertura das vacacións do persoal e a implantación dunha biblioteca dixital municipal.
"O que queremos é saber se o Goberno Local considera suficiente ese aumento de 245.195,45 euros sobre o contrato anterior para financiar todas estas novas prestacións", afirma a concelleira do BNG Avia Veira, que acaba de rexistrar unha pregunta por escrito ao executivo coruñés. "Baixo o noso punto de vista, a suba do contrato a respecto do anterior é francamente insuficiente para soster as novas achegas", engade.
Pero é que hai máis: nos pregos o Concello non tivo en conta que na anterior adxudicataria do servizo se formulou por parte das traballadoras e traballadores -que serán subrogadas pola nova concesionarifa- un conflito colectivo pola reclasificación dos postos de traballo. Nese conflito colectivo, ademais, o propio Concello figuraba como codemandado.
"Normalmente na valoración económica dos pregos sempre se inclúe a existencia de conflitos colectivos porque a súa resolución pode levar aparellado un aumento no custo do contrato.Isto sería así se por exemplo a resolución fose favorábel ás demandas das traballadoras. Loxicamente o custo do persoal aumentaría e iso o Goberno Local non o tivo en conta nos pregos", estima Avia Veira. "Sendo que neste conflito colectivo o Concello aparece como codemandado, resúltanos aínda máis inconcebíbel que non se tivese en consideración esta cuestión", engade a concelleira nacionalista, para quen "a nova empresa adxudicataria até podería entender que o Concello actuara con mala fe".