DA ARQUETA DOS FRADES AO ACUEDUTO DO PASEO DAS PONTES
Unha Viaxe de Visma para rescatar o patrimonio e camiñarmos cara outra forma de urbanismo
“Fixemos este roteiro para darmos a coñecer elementos moi valiosos do patrimonio da Coruña, un patrimonio moitas veces esquecido, cando non desprezado. É hora de reivindicalo e de poñelo en valor”, afirma o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, quen estivo acompañado por Avia Veira e Mercedes Queixas, números 2 e 3 da lista do BNG.
“Pór en valor o noso patrimonio non é só importante para honrar a memoria, éo tamén para deseñar outra forma de urbanismo, pensado nas persoas. Un urbanismo de calidade, non depredador, que constrúa espazos públicos, zonas verdes e para a convivencia social, precisamente arredor deses elementos patrimoniais que debemos conservar e, en algúns casos, rescatar do lamentábel estado en que se achan”, engade.
O roteiro comezou ao pé da Arqueta dos Frades, onde se sitúa o punto de partida, o manancial, da viaxe que, por medio dun acueduto, levaba a auga ao resto da cidade no século XVII. Nese lugar tomou a palabra Avia Veira para defender que o proxecto de urbanización en curso –e ao que o BNG formulou alegacións- suprima un viario que separa a Arqueta dos Frades, un elemento xa protexido, dos restos dun pozo aparecido nunha leira chamada Tarreo da Arqueta. “Eses elementos téñense que ler no seu conxunto, teñen que estar comunicados nunha zona verde, na perspectiva da súa musealización. Aquí nace a Viaxe de Visma. E, por tanto, ese viario debe ser suprimido se queremos respectar o noso patrimonio cultural e histórico”, remarcou.
O roteiro detívose tamén no Campo da Burra, un espazo verde que debería integrar o futuro Parque da Agra, e alí -após as palabras pronunciadas por Iria Buxán, número 14 da candidatura do BNG- varias veciñas, co músico e escritor Xurxo Souto a termar do coro, entoaron unha cantiga: “Cando abran canceliñas/Xa Teremos unha Praza (bis)/ Xunto co Campo da Burra, Teremos o Parque da Agra (bis)/ai lalelo/ai lalalá”.
“Falamos dunha das áreas urbanas máis densamente poboadas de Europa. O Campo da Burra ten que ser o eixo arredor do cal sexa realidade ese futuro Parque da Agra do Orzán se queremos que este sexa un parque digno de tal nome”, subliña Jorquera.
A marcha concluíu ao pé do Acueduto do Paseo dos Pontes, cunhas breves intervencións de Xabier Pérez Couto, número 19 da nosa candidatura e veciño da zona, e de Francisco Jorquera, e coa música dun gaiteiro tan erudito como virtuoso, Xosé Manuel Sánchez Rei.