ESTREAMOS UN FORMATO NOVO, O DAS SESIÓNS VERMÚ CO BNG
Forza Coruña, o lema da nosa campaña
Días atrás o BNG presentou lemas xenéricos para o conxunto do país. “No noso concello a aplicación concreta será A Coruña Merece Máis”, precisou Jorquera. Mais o BNG da Coruña vai ter un lema propio, ese Forza Coruña que presentou o candidato á Alcaldía nunha comparecencia conxunta con David Soto, Mercedes Queixas e Avia Veira, números 4, 3 e 2 da lista do Bloque, respectivamente.
“Forza Coruña é un lema que conecta co imaxinario colectivo coruñés”, explicou Jorquera, quen lembrou que na presentación do primeiro tramo da candidatura para o 28M o BNG empregou a expresión Orde e Talento, case un anticipo deste Forza Coruña.
O lema apela “á forza que ten esta cidade”. “Forza e enerxía porque A Coruña é unha cidade con grande orgullo de si propia e enormes potencialidades. O que cómpre é poñelas en valor e mobilizalas para gañarmos o futuro”, dixo o candidato á Alcaldía.
A forza e a enerxía que tamén ten o BNG: “Porque o BNG non só achega Orde e Talento, capacidade e solvencia. Achega tamén corazón, paixón pola Coruña, forza e enerxía para lle dar á cidade o impulso que precisa”.
Impulso que só pode vir da man do BNG. “Fronte ao continuismo que ofrece o PP e o retorno ao pasado que representa o PP, o BNG é a forza que asegura un cambio de rumbo para impulsar A Coruña”, recapitulou Jorquera.
Sesións vermú
E esa forza quere expresala creativamente o BNG nunha campaña en que vai estrear un novo formato de encontro coa veciñanza.
“Imos estrear un formato novo, o das Sesións Vermú co BNG, que entronca moi ben co que É o espírito da nosa cidade. Unha cidade que fai da rúa a casa común das coruñesas e dos coruñeses”, dixo David Soto, número 4 da nosa candidatura.
E non é posíbel unha sesión vermú xenuína sen música. “No noso caso, música galega, coruñesa, e música moza, a de Leria”, avanzou Soto. Haberá intervencións políticas? Claro, mais “non serán as intervencións convencionais dun mitin convencional. Terán un aquel de charla distendida coas veciñas e os veciños, o que corresponde á hora do vermú”, engadiu.
A primeira sesión vermú, así xa para abrir boca, será este domingo ás 13 horas no bar O Ambigú de Elviña (Praza Emilio Jaspe Deza), sede das emblemáticas sociedades Relámpago de Elviña e Tempo Novo, ben como da asociación veciñal Os Rexumeiros.
“Haberá sesións vermú, pero non deixaremos de facer os nosos tradicionais mitins de barrio, que naturalmente no noso caso nunca son convencionais. Tampouco faltarán encontros sectoriais e repartos de material informativo na rúa”, detallou Soto.
A web de campaña
E non hai campaña sen web. “Presentámosvos jorquera2023.gal, unha páxina do candidato á Alcaldía, mais sobre todo unha páxina da equipa que está chamada a gobernar esta cidade a partir do 28 de maio”, dixo Avia Veira.
De feito, o primeiro contido que aparece na páxina é un vídeo con imaxes das presentacións da nosa candidatura. “Un vídeo no que tamén vemos a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, con Francisco Jorquera, entre as centos de persoas que encheron Palexco o pasado 9 de marzo”, precisou.
A páxina aposta polas cores claras e por unha composición moi equilibrada entre texto e imaxes. “A estrutura é deliberadamente sinxela, para facilitar a navegación: Candidatura, Vídeos, Axenda e A Bitácora de Jorquera, o diario do noso candidato, onde atopamos desde artigos de prensa en papel ou dixital até intervencións públicas”, acrecentou.
Na sección da Candidatura achamos fotos e breves reseñas biográficas do tramo alto da listaxe, mentres que na sección de vídeo “podemos revivir a grande noite do 9 de marzo –cando ateigamos Palexco para presentarmos a nosa candidatura-, mais tamén revisitar as dúas entregas da serie Un café con... da nosa canle de Youtube: protagonizadas polo noso cabeza de lista e por quen vos fala”.
Veira avanzou que, nos próximos días, a web tamén incluirá o programa co que concorreremos a estas eleccións, “un programa ao que lle estamos a dar os últimos toques, froito de moitas horas de conversa co tecido social e que será aprobado pola Asemblea Local do BNG o vindeiro venres 21 de abril”.
Por último, Avia Veira referiuse á recentísima estrea de Jorquera en Instagram. “Está en estado de probas, leva aínda o L”, dixo en ton de brincadeira. Este novo espazo de encontro e de comunicación coa xente da Coruña leva como nome fx.jorquera.