En vez de apostar polo banco de locais comerciais, o PP gasta 72.600 en decorar comercios
A Coruña, 12 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira gaste 72.600 euros nunha contratación para decorar con vinilos os estabelecementos comerciais da cidade que se atopen baleiros en lugar de traballar na liña proposta polas nacionalistas para promover o pequeno e mediano comercio: o banco de locais comerciais cun alugueiro barato.
O Grupo Municipal do BNG dubida de que os cartos que leva gastados a Sra. Cid en iniciativas máis rechamantes que eficaces, como a campaña dos bicos ou a decoración, contribúan a mudar a situación desoladora que sofre o comercio coruñés. Por iso, chama o Goberno municipal a estudar a proposta das nacionalistas sobre o desenvolvemento dunha normativa de baixos comerciais orientado á procura do impulso do comercio nos barrios da cidade. Lembra o BNG o éxito do banco de terras, impulsado polas nacionalistas desde a Xunta de Galiza.
As nacionalistas cuestionan que, no canto de promover o comercio, o Goberno municipal destine 72.600 euros a decorar a publicitar o aluguer ou venta dos locais baleiros. Lamentan que a mellor maneira que ten o PP de apoiar o comercio sexa decorando os locais dos comercios pechados, cando a imaxe limpa é algo que lles corresponde ás persoas propietarias.
O pasado venres, o Concello da Coruña sacaba a contratación, por lotes, do servizo de decoración de estabelecementos comerciais da cidade que se atopen pechados por procedemento negociado. Tal e como sinala o prego de prescripcións técnicas: "Para apoyar al comercio local en 2013 está previsto realizar una acción consistente en la decoración de establecimientos de la ciudad que se encuentren cerrados. Se trata de poner en valor las zonas comerciales, lo que contribuirá a la mejora del aspecto empresarial de los barrios en los que se actúe. Para ello, con el ánimo de potenciar la imagen y actividad comercial de cada zona de la ciudad, se pretende decorar los escaparates, de los establecimientos sin actividad, con propuestas originales y llamativas que mejoren la imagen del barrio".
O Goberno municipal volve desprezar o galego nas súas campañas
Por último, as nacionalistas denuncian que a Concellaría de Emprego e Turismo volve desprezar o galego nas súas accións e emprazan o Goberno municipal a cumprir a lexislación en materia lingüística. Deste vez, o lema elixido pola Sra. Cid, coñecida por marxinar a lingua galega, é Nuestro comercio: Muy cerca de ti.