Comezan as obras do aparcadoiro das Conchiñas cando non hai nin proxecto para a praza
A Coruña, 9 de maio de 2013.- O Grupo de Barrio do BNG da Agra do Orzán advirte de que as obras do aparcadoiro das Conchiñas deron comezo malia non haber, aínda, proxecto de urbanización da superficie do aparcadoiro (pavimento, mobiliario, xardinaría...). Tal e como sinala o informe municipal con data de 22.02.2013, non hai deseño ningún para a praza das Conchiñas, por iso, as nacionalistas emprazan o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas a dialogar cos veciños e veciñas da Agra, dado que este espazo é un dos máis empregados polos habitantes do barrio.
En relación a esta praza, o Grupo de Barrio do BNG pon de manifesto que non vai poder empregarse durante dous anos. As nacionalistas advirten de que polas obras dun aparcadoiro non pode privarse a veciñanza do uso da practicamente única zona verde da Agra do Orzán. É por iso que o BNG empraza o Goberno municipal a adoptar as medidas oportunas de cara a transferir as parcelas públicas colindantes co Observatorio Meteorolóxico para zona de uso colectivo e público, sempre de acordo coa Dirección do Observatorio e mantendo o seu funcionamento.
Pola outra banda, o Grupo de Barrio do BNG non comparte o gasto de 2,2 millóns de euros nun aparcadoiro do que só se van a beneficiar as persoas con máis recursos e que non vai resolver o problema de aparcadoiro que sofre a zona. Trátase, só, de 114 prazas en rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos, que non cobren, nin de lonxe, as prazas anuladas en superficie por mor das obras que se fixeron nas rúas próximas á praza.