PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA
De verdade o Goberno Local intensificou a limpeza en Eirís e Xuxán?
Ese compromiso formalizouno o Goberno Local nunha resposta a unha pregunta anterior de Jorquera. Naquela ocasión o voceiro nacionalista explicitaba a situación de abandono, por falta de limpeza, que presentaban as beiras dos camiños e rúas nos barrios de Eirís e Xuxán, especialmente nos seus núcleos rurais.
Daquela o Goberno Local anunciaba que a “intensidade da limpeza” se incrementaría nas vindeiras semanas, ao tempo que se comprometía a trasladar “ás diversas empresas concesionarias implicadas a necesidade de recoller os restos vexetais orixinados nos traballos de desbroces”.
Mais o problema é que esa intención non se materializou en nada concreto e, oito meses despois do rexistro desa pregunta, e segundo relata Jorquera, “a Asociación Veciñal Uxío Carré denuncia que as beiras de rúas e camiños seguen invadidas pola maleza, dificultando mesmo nalgún caso que os propios peóns poidan transitar”. O colectivo veciñal queixase tamén porque existen restos de rozas ciscados polo chan sen seren recollidos”.
A falta de limpeza entraña riscos de incendios nos núcleos rurais, alertan as e os veciños. “Levan máis dun ano sen limpar, cando o normal é que esa tarefa se faga unhas tres veces ao ano e unha delas antes do verán para evitar incendios”, indica Jorquera.
Por todo isto, o voceiro nacionalista inquire o Goberno Local en que resultou o seu compromiso de intensificar os labores de limpeza, ao tempo que lle pregunta se vai proceder o Concello a limpar as beiras dos camiños e rúas na zona de Eirís e dar instrucións para que se recollan os refugallos das brozas. “En caso afirmativo, en que prazos? Con que medios?”, interésase por saber o portavoz nacionalista.