SEN RASTRO DA ORDENANZA ANUNCIADA EN XANEIRO DE 2022

Veira ve "pésimo" o balance do Goberno Local en materia de mobilidade

Avia Veira transporte urbano bus.
“Estase a traballar na citada ordenanza”, responde o Goberno Local á concelleira do BNG Avia Veira, quen se interesara nunha pregunta por escrito pola marcha dos traballos para dotar a cidade dunha normativa sobre mobilidade.
Veira ve "pésimo" o balance do Goberno Local en materia de mobilidade

Foi o propio Goberno Local quen, nunha Mesa de Mobilidade realizada en xaneiro de 2022, marcara o obxectivo de elaborar esa Ordenanza. “O que nos contesta o Goberno Local é que aínda se está a traballar nesa normativa, como tamén na das terrazas. Pero non concreta prazos, nin para a súa remisión Xunta de Goberno Local nin para o seu debate no Pleno”, afirma Veira.

Esta falta de avances na elaboración da ordenanza lígaa Veira á “pésima” xestión deste Goberno Local en relación á mobilidade: “Cero políticas de aparcadoiros públicos, moitos deles situados nunha especie de limbo local, cero aparcadoiros disuasorios nos bordos da Coruña conectados coas liñas de bus, cero metros de carril bus, cero liñas de bus modificadas, ningún avance sobre a xestión do transporte público urbano a partir de 2024, momento en que conclúe a concesión actual”, avalía a concelleira nacionalista.

E engade: “Non se estendeu a política de elevación dos pasos de peóns para os pór á altura da beirarrúa, a veciñanza demanda o reforzo de moitas liñas de bus, por non falarmos dos problemas para se facer coa Tarxeta Millenium para persoas con dificuldades á hora de se manexar cun teléfono móbil”, remarca Veira.

Fai falta, conclúe, unha outra política de mobilidade que poña o peón no centro e que mellore o funcionamento do transporte público urbano: mudanza do mapa de liñas, aumento das frecuencias e tamén dos horarios para os axustar aos horarios de moitas persoas traballadoras que ou ben entran cedo ou ben saen de noite dos seus centros laborais.

 

 

Veira ve "pésimo" o balance do Goberno Local en materia de mobilidade