Veira: "Seguimos asistindo a declaracións de responsábeis do Goberno faltas de madurez"
A Coruña, 19 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao alcalde que reprobe publicamente e que faga rectificar ao seu xefe de gabinete despois das declaracións deste último, realizadas nun acto en Barcelona durante esta fin de semana pasada, nas que cualifica a parte da oposición e a parte do funcionariado do concello como orcos.
O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao alcalde a reprobación pública do xefe de gabinete de Alcaldía
A intervención do asesor da Alcaldía neste acto organizado por Barcelona en Comú é indigna dun representante público, con insultos á oposición e a parte do cadro de persoal do Concello, e con descualificacións impropias de quen está ostentando un cargo público. Xa instamos en numerosas ocasións ao Goberno municipal a asumir con naturalidade e con maior madurez os posicionamentos da oposición, e volvemos a llo pedir doutra volta, indican as nacionalistas.
Avia Veira: O insulto non é unha arma lícita no enfrontamento político. Seguimos asistindo a declaracións de responsábeis do Goberno municipal totalmente fora de ton, faltas de madurez e de mala educación
Asemade, o Bloque considera que na mesma intervención Iago Martinez recoñece que, desde a área de participación cidadá, na vez de estar implementándose políticas de participación e de democracia veciñal, se está realizando un intento por desmantelar de xeito planificado ao tecido asociativo que existía até a actualidade na cidade. E é que o Bloque entende que é indignante que se tente deslexitimar a representatividade do movemento veciñal incluso chegándose a afirmar que parte deste movemento está cooptado por asalto polo BNG.
O BNG entende que as declaracións realizadas nun acto nesta fin de semana en Barcelona por Iago Martínez, onde chega incluso a afirmar que parte do movemento veciñal da Coruña esta cooptado por asalto polo Bloque, son impropias dun cargo público e deben ser rectificadas de inmediato
Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG lémbralle ao xefe de gabinete da Alcaldía que o movemento veciñal desta cidade representou durante décadas, e aínda hoxe en día representa, o mais claro e o maior altofalante da veciñanza da Coruña, e as persoas que traballaron e traballan nel desinteresadamente foron quen de manter viva a voz crítica da veciñanza, das persoas, dos seus problemas e da situación de abandono dos barrios, facendo unha oposición dificultosa, e moitas veces silenciada, ás políticas dos anos mais duros dos mandatos de Francisco Vázquez e Carlos Negreira.
Consideramos gravísimo que Iago Martínez admita publicamente que A Porta Aberta e o Dillo ti responden a unha estratexia do Goberno municipal para intentar desordenar o espazo de representación que o movemento veciñal significaba até o de agora, e que non respondan, por desgraza, a unha verdadeira política de implantación da participación veciñal, conclúe Avia Veira.