O BNG preguntará no próximo Pleno sobre a obra de rehabilitación da cuberta de Riazor
A Coruña, 13 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá unha batería de preguntas a respecto da obra de rehabilitación de estrutura e cuberta do estadio de Riazor.
O BNG rexistrou esta mañá varias preguntas nas que solicita do Goberno local aclaracións ao porque aínda non se executaron as obras cando o contrato de adxudicación foi asinado o 30 de marzo de 2015, hai máis dun ano
Deste xeito, as nacionalistas queren dar traslado no Pleno da situación de risco acontecida este pasado luns no estadio de Riazor cando parte da cuberta superior da grada de Pavillón se desprendeu caendo sobre as bancadas, horas antes da celebración do partido pertencente á 32ª xornada de liga BBVA de fútbol e, consecuentemente, xusto antes de que a esta mesma grada accederan as siareiras e siareiros que ían presenciar o partido.
O BNG lembra que con data 30 de marzo de 2015 asinouse a resolución de adxudicación do procedemento aberto con diversos criterios de valoración para a contratación das obras incluídas no proxecto de rehabilitación de estrutura e cuberta do estadio de Riazor a favor de Dragados SA. Esta mesma resolución establecía que a obra se executaría nun prazo de 24 meses, por un prezo de 2.592.561,86 euros con cargo a partidas orzamentarias de 2015 e 2016.
Avia Veira: Tendo en conta que a semana que vén, o mércores día 20, celebrarase o partido entre o Dépor e o Barça, cómpre saber se existe algún risco potencial e se se están realizando obras de mantemento das cubertas mentres non se executa a obra de rehabilitación
Pretendemos que se aclare cal é o motivo de que aínda non se executaran as obras de rehabilitación de estrutura e cuberta do estadio de Riazor cando o contrato de adxudicación foi asinado o 30 de marzo de 2015, hai xa máis dun ano e se o Goberno municipal cre xustificado que aínda non se teñan executado as obras, tendo en conta, como se demostrou o pasado luns 11 de abril, que hai un risco potencial evidente na actualidade para as seareiras e seareiros usuarios das instalacións do estadio de Riazor, sinala a concelleira nacionalista Avia Veira.
Por último, tamén o Grupo Municipal do BNG inquírelle ao Executivo local que concrete os prazos de execución que se manexan para levar a cabo as obras de rehabilitación das cubertas e se se realizaron tarefas de mantemento destas cubertas desde a adxudicación da obra de rehabilitación, e se non se realizaron que se explique o por que.