Veira reúnese co persoal do CHUAC para coñecer de primeira man os problemas de mobilidade e aparcamento
“As traballadoras están cada día máis preocupadas e así nolo teñen transmitido. Cada día teñen máis problemas á hora de chegar ao CHUAC ou ao Materno”, refire Veira, quen anuncia que o BNG levará o asunto ao Pleno do vindeiro xoves 12 de febreiro.
“Non por acaso sempre que falamos da necesaria reordenación das liñas de bus e do transporte público da cidade abordamos o problema das conexións cos hospitais e centros sanitarios da cidade”, remarca.
As dificultades de mobilidade estanse a agravar, “como se puido comprobar a semana pasada”, polas obras actualmente en curso no CHUAC. “O problema sófreno as traballadoras, mais tamén as persoas doentes cando nos temos que desprazar aos hospitais”, alega Veira.
“Á falta de aparcamento habitual súmaselle agora a desaparición de prazas para estacionar vehículos no exterior do hospital e mantense a mala conexión en transporte público”, resalta a nosa concelleira.
O Goberno Local non pode ollar para outro lado mentres se produce esta situación. “Lembrámoslle ao Goberno de Inés Rey que a mobilidade urbana e o transporte público son competencias propias do Concello, de aí que levaremos unha iniciativa ao respecto ao próximo Pleno”, conclúe.