“NIN A CIDADE NIN A COMARCA RECIBEN O TRATO QUE MERECEN NAS CONTAS DA XUNTA”, CONCORDAN MERCEDES QUEIXAS E IRIA TAIBO

O BNG pide 120 millóns de euros máis para A Coruña, nas súas emendas aos orzamentos da Xunta

Conferencia de prensa emendas aos orzamentos da Xunta
Queixas, durante a conferencia de prensa
As deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo ofreceron este luns unha conferencia de prensa para lle presentar aos medios as emendas que a formación nacionalista formula aos orzamentos da Xunta para 2026 en relación á cidade e á comarca.
O BNG pide 120 millóns de euros máis para A Coruña, nas súas emendas aos orzamentos da Xunta

En concreto, o BNG pide 120 millóns de euros máis para a cidade nas súas propostas de modificación das contas do Goberno galego para o próximo exercicio.

“Nin A Coruña como cidade nin a comarca coruñesa están representadas no proxecto de orzamentos da Xunta para 2026”, concordaron Queixas e Taibo. “Cal é o proxecto do PP para A Coruña nos orzamentos? Pois política de propaganda e multiplicación de oportunidades perdidas”, resume Queixas. “Que fixo estes anos a Xunta na Coruña, alén da pasarela a Marineda e a plataforma para o baño no Parrote?”, preguntouse a parlamentar nacionalista.

Alén do máis, o PP é un “pésimo xestor”, caracteriza Queixas.

“Vímolo nos incumprimentos do orzamento de 2025, con partidas sen executar e agora desaparecidas como a do Albergue dos Peregrinos, ou con fondos sen executar e agora desprazados a 2026 como a reforma da residencia de maiores Torrente Ballester ou o Centro de Formación da Cidade das TIC”, resaltou.

Conferencia de prensa emendas BNG aos Orzamentos da Xunta
Un momento do encontro cos medios

Os de 2026 son, ademais, orzamentos “decrecentes” en materias tan relevantes como a ampliación do CHUAC –“con menos orzamento do previsto cando Feijoo anunciara que en 2025 as obras estarían rematadas en 80%, sendo que en realidade apenas se chegou ao 10%”- ou no que ten a ver co ensino, cunha drástica caída, por volta do 50%, das partidas destinadas aos centros públicos. Na mesma liña continúan a ser desatendidas as demandas de reforzo nos Centros de Orientación Familiar...

Fronte a este panorama de propaganda, desleixo e desatención, o BNG formula un auténtico proxecto alternativo, “verdadeiramente comprometido coas coruñesas e os coruñeses”.

Da vintena de emendas rexistradas polo BNG a estes orzamentos en relación á nosa cidade, Queixas puxo en destaque tres pola súa evidente relevancia social.

“A primeira, a recuperación do investimento comprometido para a ampliación do CHUAC, cunha emenda por valor de 60 millóns de euros. A segunda, a posta en marcha dun ambicioso plan de acceso á vivenda pública na cidade, con 40 millóns de euros, destinados á unha bolsa de casas baleiras a prezos accesíbeis, a un bono alugueiro para mocidade con criterios sociais, a un programa de rehabilitación, ao impulso ás cooperativas de cesión de uso e ao aumento da oferta de prazas de residencia públicas para estudantes universitarios ou de FP superior. A terceira, o reforzamento dos servizos públicos, desde os centros de saúde até as residencias de maiores”, relatou.

Foto grupo
Avia Veira, Dani Carballada, Mercedes Queixas, Iria Taibo, Alberte Sánchez, Tono Chouciño e Mariate Prieto

Indo ao detalle, o BNG pide reforzar o persoal sanitario dos COF do Ventorrillo e Orillamar e completar a carteira de servizos do centro de saúde de Novo Mesoiro, ben como tamén crear un centro de día e unha residencia para maiores após 16 anos dun goberno do PP incapaz de dotar A Coruña dunha soa praza pública.

Canto ao ensino, as emendas do BNG recollen fondos para a reforma integral dos CEIP de Prácticas e CEIP Cidade Vella, para a creación dunha escola infantil en Xuxán e para iniciar o proxecto dun CEIP neste barrio novo da cidade.

No que atinxe a cultura, as propostas do BNG van na dirección de a Xunta se comprometer co deseño dun plan de posta en valor do legado depositado na Fundación Luís Seoane, alén de demandar un aumento significativo da partida orzamentaria para o apoio ao Consorcio para a Promoción da Música, de modo a ir amortizando de vez a débeda que a Xunta ten contraída coa Orquestra Sinfónica de Galiza.

Emendas para a comarca

O reforzamento dos servizos públicos -coa creación dunha escola infantil en Oleiros ou a dotación de máis prazas públicas nas residencias de Cerceda e Carral- e o desenvolvemento dun Plan de Industrialización da comarca -cunha partida de 5 millóns de euros- son as prioridades das emendas do BNG relativas á comarca.

“Non vemos a comarca da Coruña nestes orzamentos. Non hai o mínimo compromiso por parte da Xunta con ela”, lamentou Iria Taibo, quen criticou tamén a falta de transparencia das contas. “Faltan partidas específicas e territorializadas, o cal dificulta moito o traballo da oposición e constitúe un engano á cidadanía”, resaltou.

As contas revelan tamén a insuficiente política de Vivenda da Xunta. “Só orzan 80 mil euros para desenvolvemento de solo en Arteixo. Só 80 mil euros para toda a comarca”, denunciou.

Tampouco as políticas de mobilidade resolven os problemas da comarca. “Continúan sen planificar a conexión da Vía Ártabra coa A6, actuación que desde logo si recollen as nosas emendas”, concluíu.

Asistiron á conferencia de prensa os portavoces do BNG de Cambre (Dani Carballada), Culleredo (Tono Chouciño) e Cerceda (Alberte Sánchez).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG pide 120 millóns de euros máis para A Coruña, nas súas emendas aos orzamentos da Xunta