Veira: "Na ordenanza do IBI esqueceronse propostas do BNG para que pague máis quen máis ten"
Veira: Se ben na ordenanza do IBI podemos ver como o Goberno local tomou boa nota das alegacións que o BNG fixo nestes catro anos, esqueceu algunha das nosas propostas encamiñadas a que paguen máis impostos os que máis teñen
A Coruña, 6 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG cre que as modificacións incluídas na ordenanza número 51 reguladora do Imposto sobre Ben Inmóbeis non foron suficientemente ambiciosos e que se perdeu unha oportunidade.
Non se atenderon as nosas propostas da exención do IBI á Universidade ou da bonificación de até o 90 % para familias numerosas cando algún dos seus membros estivese nalgunha das situacións de discapacidade ou incapacidade recollida na lexislación, sinalas as nacionalistas
Deste xeito, as nacionalistas consideran que non se tiveron en conta algunha das achegas remitidas ao Goberno municipal, ao igual que con todas as súas contribucións ao resto de ordenanzas, e poñen como exemplo a súa proposta na que se solicitaba a exención da cota íntegra do imposto de bens inmóbeis da Universidade da Coruña.
Outra proposta que lle trasladamos ao Goberno municipal, e que tampouco foi recollida na nova articulación da ordenanza do IBI, era a posibilidade de ampliar a bonificación nun 50 % no caso daquelas familias numerosas cando algunha ou algún dos seus integrantes tivesen recoñecida situacións de discapacidade ou incapacidade recollidas na lei, sinala Avia Veira.
O Bloque sinala que segue sen resposta sobre a súa proposta de que o Concello da Coruña asuma o pagamento do IBI nos inmóbeis que son da súa titularidade e que ten concedidos en réxime de aluguer
Por outra banda o BNG tamén denuncia que aínda non recibiu ningunha contestación sobre a súa proposta da asunción do pagamento do IBI en alugueres das vivendas de propiedade municipal, que até o de agora pagan as persoas alugadas, e que lle suporía ás arcas municipais tan só uns 40.000 euros.
O Grupo municipal do BNG denuncia que os grandes patrimonios titulares de pisos e baixos baleiros seguirán pagando no 2016 o mesmo que anos anteriores
Por último, o Bloque denuncia que, ao igual que en anos anteriores, os grandes patrimonios seguirán pagando o mesmo. Lembran que unha das súas propostas era o establecemento de gravames máis elevados no IBI e que os suxeitos pasivos titulares de grandes patrimonios pagasen máis polos locais e pisos baleiros en desuso. Esta demanda dos nacionalistas tamén quedou sen atender.