RETIRADA DE HONRAS E DISTINCIÓNS A CONNOTADOS FRANQUISTAS COMO PEDRO BARRIÉ DE LA MAZA, PEÑAMARÍA DE LLANO OU ALFONSO MOLINA

O BNG celebra que o Goberno Local mostre a vontade de aplicar o informe do José Cornide, no seu poder desde hai 5 anos

Consello da Memoria Democrática, 23 de febreiro de 2026.
Un momento do Consello da Memoria Democrática
Non foi sen tempo: nove meses despois da súa última xuntanza (maio de 2025), o Goberno Local reuniu onte o Consello da Memoria Democrática. O principal acordo adoptado na xuntanza -na que participou a nosa concelleira Mercedes Queixas- foi o de, durante o primeiro semestre deste 2026, levar ao Pleno a proposta de cumprimento da Lei de Memoria Democrática, coa aplicación do Informe elaborado polo Instituto José Cornide sobre os símbolos franquistas que aínda existen nos espazos públicos da Coruña.
O BNG celebra que o Goberno Local mostre a vontade de aplicar o informe do José Cornide, no seu poder desde hai 5 anos

“Desde o BNG, celebramos que, nove meses despois, por fin se teña realizado unha sesión do Consello da Memoria Democrática, ao tempo que valoramos tamén moi positivamente a proposta de levar a Pleno unha demanda moi reiterada por parte do movemento memorialista da Coruña, a de eliminar por fin toda a simboloxía franquista que segue presente nos espazos públicos da cidade”, afirma Mercedes Queixas.

Trátase, en fin, de aplicar un informe, o do Instituto José Cornide, encargado polo Executivo coruñés e do que dispón o Goberno Local desde hai 5 anos. Un informe que documenta as rúas e avenidas dedicadas a personalidades “directamente vinculadas ao franquismo ou que mesmo teñen as mans cheas de sangue”.  “Estas persoas non poden seguir gozando de ningún tipo de honor concedido por este Concello”, remarca Queixas. “O Goberno Local tivo este informe gardado nun caixón durante cinco anos. É xa moita hora de que actúe e cumpra coa lexislación vixente, isto é, cumpra a Lei de Memoria Democrática”, engade.

Queixas anuncia que o BNG fiscalizará o cumprimento por parte do Goberno Local do seu compromiso de levar a Pleno a aplicación do informe do José Cornide. “Estaremos moi vixiantes”, advirte.

“Queremos tamén transmitir, máis unha vez, a nosa gratitude a todo o movemento memorialista da Coruña e ao Instituto José Cornide polo seu traballo ímprobo de investigación e divulgación a prol da verdade, da xustiza, e da reparación das vítimas do franquismo”, conclúe.

No informe do Instituto José Cornide, dado a coñecer polos medios en novembro de 2021, instábase a retirar honras e distincións a connotados franquistas como Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina ou Sergio Peñamaría de Llano.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG celebra que o Goberno Local mostre a vontade de aplicar o informe do José Cornide, no seu poder desde hai 5 anos