Veira: "É innegociábel. Para o 2017, si ou si, haberá uns orzamentos participativos"

Veira: "É innegociábel. Para o 2017, si ou si, haberá uns orzamentos participativos"

Emprazamos a comezar, canto antes, a artellar os mecanismos necesarios para elaborar uns orzamentos participativos para o ano 2017.

Emprazamos ao Goberno municipal a convocar mañá mesmo a Comisión de Reforma do ROPC para encarar canto antes a súa modificación e artellar os mecanismos precisos para elaborar uns orzamentos participativos para o ano 2017

Avia Veira preparando a reunión dos Orzamentos 2016

E é que entendemos que se debe aprender do proceso concluído onte para non repetilo e que, por iso, e advertindo con tempo suficiente, é tempo xa de comezar a elaborar unha folla de ruta que estableza un sistema efectivo e real para que a veciñanza poda realizar achegas, ter capacidade de decisión e facerlle partícipe da toma de decisión a respecto do orzamento que o ano que vén haxa na cidade.

Deste xeito, cremos que para que isto ocorra, e para que no ano 2017 haxa uns orzamentos onde a veciñanza participe na súa elaboración, é preciso que a maior brevidade se convoque a Comisión de Reforma do ROM e o ROPC, e comezar a traballar para que se establezan órganos de participación, tanto sectoriais como veciñais, e se establezan competencias e atribucións.

Exiximos que se convoque a Comisión de Reforma do ROPC para encarar canto antes a súa modificación e para facer partícipe canto antes á veciñanza na toma de decisións e para darlle capacidade de decisión para destinar os seus cartos. Este ano non vales escusas. É por iso que advertimos con tempo para que os orzamentos de 2017 estean aprobados en decembro

Lembramos que no programa co que se presentou a Marea especificábase como unha das súas “medidas estrela” a implementación duns verdadeiros orzamentos participativos xa que logo trátase de que todas e todos decidamos o destino, uso e control dos recursos públicos, trátase de que os orzamentos sexan un instrumento de transformación social.

Simplemente estamos pedíndolle ao Goberno municipal que cumpra coa súa promesa electoral. Presentáronse diante da veciñanza prometendo que lle daría capacidade de decisión para como e onde os seus cartos fosen destinados. Pois ben, esiximoslle agora que comece a efectivizala, e isto pasa pola reforma do ROPC.

Lembrámoslle á Marea Atlántica que a reforma do ROPC e a elaboración de orzamentos participativos foi un dos puntos concretos que se tratou na reunión previa á decisión de investir ao Sr. Ferreiro como alcalde e mais tamén un punto concreto do acordo político de organización asinado polos catro grupos municipais o 23 de xullo do pasado ano

Momento no que Avia abandonaba o Pleno onde se aprobaron inicialmente os orzamentos de 2016

Asemade, sinalamos que no noso programa, #TodasAsCoruñas, co que concorremos ás eleccións municipais, das que hoxe se cumpre un ano, incluía a creación dos instrumentos e os órganos de participación, tanto a nivel territorial como sectorial, coa asignación de competencias claras e que os órganos de participación veciñal e sectorial que se creasen participarían na definición dos orzamentos.

Para nós, tal como indicabamos no noso programa, e tal e como acordabamos coa Marea Atlántica como punto diferenciado no proceso de negociación, e un dos motivos que deu lugar a que votáramos na investidura a favor do actual alcalde e polo cambio de políticas na cidade, era a Reforma do ROPC e a participación veciñal na elaboración do orzamento municipal como modelo de xestión pública onde a cidadanía participara de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais e na transparencia no destino do gasto público. Isto non é negociábel. E este ano, si ou si, deberá ser o primeiro no que se elaboren uns orzamentos participativos.

 

Artigos relacionados:

 

A Coruña, 24 de maio de 2016

Veira: "É innegociábel. Para o 2017, si ou si, haberá uns orzamentos participativos"