Veira: Hoxe o Goberno municipal apadriñou o dispendio da Copa do Rei de Baloncesto
A Coruña, 25 de xaneiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG insiste en denunciar o dispendio que a partir de hoxe o Goberno municipal apadriña coa celebración da fase final da Copa do Rei de baloncesto que terá lugar no próximo mes de febreiro na cidade.
O Grupo Municipal do BNG sinala que o Goberno municipal escenificou no Salón de Plenos o que supón un gasto innecesario no que son desaproveitados centos de miles de euros que servirían para a promoción do deporte de base
Logo da celebración hoxe do sorteo da fase final no Salón de Plenos, quedou claro, sinalan as nacionalistas, que as prioridades do Goberno municipal non pasan pola promoción e incentivación do deporte de base, pois consideran que os cartos dedicados á celebración da fase final da Copa do Rei de baloncesto xerarán moi pouca rendibilidade, alén de beneficiar aos mesmos estamentos deportivos e federativos organizadores do evento.
E é que o BNG xa ten constatado que, a maiores do canon que se paga a través da Fundación Emalcsa, que ascende a 605.000 , o Goberno municipal xa ten autorizado gastos por valor de 199.460,51 na adecuación do Coliseum para organizar este evento. E aínda faltarían por contabilizar todos os gastos que se teñen que realizar, ou que xa están previstos na propostas de Orzamentos que se avanzou a semana pasada, como os máis de 176.000 en concepto de «Torneos deportivos. Sede da Final da Copa do Rei», e que supoñen ir aumentando o dispendio na celebración desta fase final, e que, polo tanto, auguran un custo total para as arcas municipais superior ao millón de euros, indican as nacionalistas.
Hai que ter en conta que para este ano, e segundo esa proposta de Orzamentos do propio Goberno municipal, os investimentos na área de deportes ascenden a case 9.000.000 , estando comprometidos partidas na seguridade (para a continuidade de servizos complementarios de instalacións deportivas e eventos na rúa e servizos complementarios de instalacións cedidas pola Secretaría Xeral da Xunta) con case 1.500.00 , na rehabilitación da cuberta de Riazor, que supón case 1.300.000 , nas obras de rehabilitación do Coliseum con case 950.000 e nos pagos de subministros de enerxía con case 900.000 , isto é, partidas que ascenden a máis do 50 % sobre o total, polo que os gastos que se derivan da celebración da Copa do Rei só minguarán máis os investimentos que se puideran realizar no deporte de base e na promoción de actividades deportivas e para a axuda a entidades e asociacións, conclúe Avia Veira.