Por que nos achegaron onte os que "parecen ser" os Orzamentos 2016?
A Coruña, 21 de xaneiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG, logo do envío do Goberno municipal duns arquivos que "parecen ser" o proxecto de orzamentos para o ano 2016, pregúntase cal é o obxecto deste envío e para que se poñen en común coa súa organización.
O BNG pregúntase con que obxectivo o Goberno municipal lle remitiu o Proxecto de Orzamentos 2016: se é para negociar, cousa que non se nos especificou, ou se é que o vai tramitar proximamente para levalo a Pleno, novamente de xeito unilateral e kamikaze sen o teren falado con ninguén
«Se son veraces as informacións que apareceron durante o último mes e medio, nas cales se indicaba que o Goberno municipal xa tiña unha proposta elaborada -á cal nunca se nos deu acceso, incluso solicitándoa por escrito en rexistro-, e que esa proposta foi trasladada ao Grupo Municipal do PSOE, e mesmo, e referíndonos xa a última semana, o propio Goberno da Marea e PSOE intercambiaron documentación ao respecto, o BNG non entende para que agora son remitidos uns arquivos, e que agardan de nós», indican desde a formación nacionalista.
Á vista das cifras que contén o documento enviado onte por correo, as nacionalistas sinalan que o que vimos de presenciar no último mes non foi máis que unha escenificación dunha negociación na que non se avanzou absolutamente nada xa que todas as cifras coinciden coas que o Goberno local presentou en prensa o 11 de decembro
O Bloque manifesta que se o que pretende o Goberno é negociar, desde logo isto non se especificou en ningún momento. «Pola contra, se o que se quere facer por parte da Marea Atlántica é tramitar proximamente o orzamento para levalo a Pleno de xeito unilateral e kamikaze sen o teren falado con ninguén probabelmente o resultado poderá ser o mesmo que no primeiro pleno de organización ou co modificativo de crédito: mais desta volta tiñamos que ter aprendido e os prexudicados e as prexudicadas seremos o conxunto das coruñesas e dos coruñeses», sinala Avia Veira
As nacionalistas sinalan asemade que, á vista das cifras que contén o documento que o Goberno lle remitiu onte, o que vimos de presenciar no útlimo mes entre a Marea Atlántica e o PSOE é unha escenificación dunha negociación na que non se avanzou absolutamente nada xa que todas as cifras coinciden coas que o Goberno local presentou o 11 de decembro á prensa. Deste xeito, o BNG lamenta o tempo perdido durante todo este tempo.
O Bloque apela á responsabilidade e a acadarmos canto antes un orzamento que permita deixar atrás os orzamentos antisociais do Partido Popular, que mentres tanto seguirán prorrogados
Para a formación nacionalista, esta escenificación é unha mostra máis da práctica de substituír a política real polos grandes titulares na que está instalada a Marea Atlántica apoiándose na complicidade do PSOE para secuestrar indefinidamente o investimentos deste ano e polos que están agardados os barrios, a veciñanza e as asociacións e entidades da cidade.
«Apelamos á responsabilidade e a acadarmos canto antes un orzamento que permita deixar atrás canto antes os orzamentos antisociais do Partido Popular, que mentres tanto van seguir prorrogados», conclúe Avia Veira.
Artigos relacionados:
- Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"
- A "proposta pantasma" de orzamentos municipais da Marea