Veira empraza o Goberno municipal a actuar contra a sabotaxe e os ataques que sofren @s antitaurin@s
A Coruña, 17 de xaneiro de 2012.- A concelleira nacionalista Avia Veira acompañou esta mañá o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, a entregar as 5.500 sinaturas contra o vandalismo antitaurino. En declaracións aos medios, Veira puxo de manifesto o apoio do Grupo Municipal do BNG ao colectivo antitouradas e deu conta da iniciativa presentada sobre os comentarios despectivos e os insultos sufridos por activistas antitaurinos.
A edila do BNG expuxo que "desde o pasado mes de xullo, as accións dos colectivos Galiza, Mellor sen Touradas e a súa organización xuvenil Moz@s pola Abolición veñen sufrindo, de xeito reiterado, diferentes ataques e sabotaxes". As cinco faixas situadas en diferentes puntos da cidade no pasado verán foron gravemente danadas ou roubadas, o que supón, en palabras de Veira, "un evidente ataque á liberdade de expresión e á postura maioritaria da cidadanía a prol da fin da tauromaquia na Coruña".
Veira denuncia episodios do radicalismo taurino máis rancio, insultos e comentarios despectivos, nomeadamente, sobre a identidade sexual
Tamén informou Veira de que a campaña informativa da mocidade antitaurina sufriu diferentes "episodios do radicalismo taurino máis rancio, insultos e comentarios despectivos de toda clase, nomeadamente, sobre a identidade sexual". Estes insultos, sinalou a concelleira, foron reproducidos de xeito sistemático en cartelaría e a través das redes sociais.
"Hijo de Puta ou maricones parecen converterse na máxima máis habitual das persoas que se dedican a defender a tortura pública dun animal como parte dun espectáculo", afirmou, "sen esquecer que estes afeccionados da violencia cara os animais foron subsidiados de xeito reiterado por institucións públicas, e cuxo espectáculo recibe apoio do propio Concello da Coruña".
A concelleira do BNG puxo de manifesto que na iniciativa lle pregunta ao Goberno municipal se ten coñecemento destes episodios de vandalismo contra a liberdade de expresión; que medidas ten pensado adoptar para evitar estes ataques e se vai tomar medidas para que se identifiquen as persoas que exerceron estes actos.