É UN PASO ATRÁS NA DESCENTRALIZACIÓN NUNHA ESTRATEXIA DIRIXIDA A DEIXAR O CAMPO LIBRE Á IMPLANTACIÓN DUNHA FACULTADE PRIVADA DE MEDICINA NA CORUÑA
O BNG reclámalle á Xunta a retirada do convenio sobre a adscrición do CHUAC á USC por o considerar unha agresión á UDC
Así o xulga o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, quen denuncia que a Xunta está a cuestionar o carácter do CHUAC como hospital universitario vinculado á UDC, condición que ostenta desde 2001.
Jorquera empraza o PP da Coruña a que se sume a esta esixencia de retirada do convenio.
“Manifestamos a nosa rotunda oposición ao acordo ao que chegou a Xunta coa USC. O Goberno galego non só non vela polo respecto dos acordos de 2015, que contemplaban a descentralización da formación médica clínica, senón que agora pretende dar pasos atrás, cuestionando a condición do CHUAC como hospital universitario vinculado á UDC”, afirma.
Jorquera empraza o PP da Coruña a que se sume á petición de retirada do convenio
A xuízo do BNG, neste asunto a Xunta está a actuar “de mala fe”, mentindo e ocultando información, “pois ao tempo que apelaba a respectar os acordos de 2015, xa iniciara o proceso para dar marcha atrás na descentralización, mesmo antes de a UDC manifestar a súa vontade de impartir o grao de medicina”.
Para concluír, Jorquera non ten a menor dúbida de que a razón de fondo que explica o proceder da Xunta “é deixar o campo libre á implantación dunha facultade privada de medicina na Coruña”.