Veira considera un despropósito gastar máis de 185.000 euros en modernizar a fonte de Catro Camiños
A Coruña, 2 de maio de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira considera un despropósito que o Goberno municipal vaia gastar 185.277,55 euros na modernización da fonte ornamental de Catro Camiños, cando o Goberno municipal estabeleceu o copago na axuda a domicilio e cando encareceu o prezo das tarifas do bus ou o recibo da auga. Para a nacionalista, o Goberno do Sr. Negreira debería destinar os cartos públicos ás prioridades da cidadanía, que está a ver como as políticas do Partido Popular a empobrecen, e non malgastalos en facer máis moderna unha fonte ornamental.
Sobre o prego de prescripcións técnicas, Avia Veira advirte de que o documento recolle que se reformará a instalación eléctrica e hidráulica baixo a filosofía da "eficiencia enerxética". Chama a atención, aunta a concelleira nacionalista, que se a filosofía da eficiencia enerxética é tan importante para este proxecto (que debería de selo), teña tan pouco peso na valoración das ofertas que se apresenten.
O prego de cláusulas administrativas no seu apartado Anexo IV concédelle unha puntuación máxima de 5 puntos á análise enerxética incluída no proxecto básico; é dicir, que o estudo enerxético representa un 5% sobre o conxunto de criterios non avaliabeis automaticamente mediante fórmulas (son 5 puntos sobre os 100 puntos en total deste apartado). Como este apartado é o 50% da valoración final das ofertas, o criterio de eficiencia enerxética representa un 2,5% sobre a valoración total das ofertas.
O que se presenta como unha directriz fundamental dentro da xustificación desta actuación, acaba tendo un valor ridículo do 2,5% na valoración das ofertas presentadas"
"O que se presenta como unha directriz fundamental dentro da xustificación desta actuación, acaba tendo un valor ridículo do 2,5% na valoración das ofertas presentadas", afirma Avia Veira. "Ao tempo, no anteproxeto anexo ás prescripcións técnicas incídese no compromiso de incorporación de sistemas de eficiencia enerxética en materia de instalacións, entre elas, das fontes ornamentais da cidade en base á participación do Concello da Coruña na Rede de Cidades polo Clima", denuncia a edila do BNG.