O Goberno respóndelle ao BNG que aínda ten que facer o CEDEX unha campaña de toma de mostras
Madrid, 30 Abril 2013.- O Goberno central vén de respostarlle á deputada do BNG, Rosana Pérez, que a estas alturas, despois de moitos anos de alertar sobre a situación da Ría de O Burgo, aínda ten que proceder a facer unha nova campaña de toma de mostras polo Centro de Experimentación e Obras Públicas (CEDEX). A partir da aí, indica o Goberno á deputada do BNG, revisarase a zonificación dos níveis de contaminación, redactarase o proxecto correspondente e o seu Estudo de Impacto Ambiental e inciarase a súa avaliación ambiental.
Esta é a resposta do Executivo á deputada do BNG que no pasado mes de febreiro rexistrou unha pregunta parlamentar e unha proposición non de lei demandando a rexeneración urxente desta Ría que está nun estado de total deterioro e abandono, tal e como certificou na súa visita unha delegación do Parlamento europeo. Rosana Pérez demandaba na súa iniciativa que o Goberno central iniciase con carácter urxente unha negociación coa Xunta a fin de acometer canto antes o proxecto de Rexeneración da Ría de O Burgo antes de que a UE volte a sancionar al Estado español polo lamentábel deterioro das augas.
A deputada do BNG lembraba que o BNG leva anos trasladando ao Congreso e ao Parlamento galego, así como á corporación municipal de A Coruña, numerosas iniciativas demandando a limpeza da Ría, nunha situación de grande deterioro medioambiental e preocupa desde o punto de vista socio-económico porque afecta ao colectivo de mariscadores e mariscadoras da zona.
Nesta cuestión, o Goberno limítase a sinalar que en relación aos efectos sobre os recursos pesqueiros e as posíbeis xuntas con mariscadores, ambas entran no ámbito de competencias da Xunta. Porén, Rosana Pérez criticou a desidia de ambas administracións que está a levar aos traballadores do mar a un calexón sen saída porque a curto prazo nos podemos enfrontar á desaparición do banco marisqueiro.
A deputada nacionalistas advirte de que sobre o estado español pode pesar a terceira sanción da UE por non ter saneado a Ría de O Burgo.