Valoramos que as bibliotecas vaian ter por fin contrato, mais hai que unificar a rede
Máis de dous anos despois de caducar o seu contrato (fíxoo o pasado día 23), as bibliotecas municipais regularizarán a súa situación, despois de a Xunta de Goberno Local se reunir hoxe con carácter urxente para licitar a xestión destas instalacións culturais, tal e como o executivo coruñés anunciou o pasado 14 de xaneiro en resposta a unha pregunta formulada pola nosa concelleira, Avia Veira.
O BNG valora que se poña fin á anomalía de ter as bibliotecas municipais sen contrato, mais ao tempo quere lembrar que o obxectivo último debe ser a unificación da rede so a fórmula da xestión directa.
Esa unificación é un dos compromisos que contraeu o grupo municipal socialista co BNG ao asinar en xuño de 2019 o Acordo de Investidura.
Ao irse licitar o contrato por dous anos, cun terceiro prorrogábel, é evidente que o horizonte temporal da unificación da rede ficará fóra do actual mandato, como lle fixo notar Avia Veira ao portavoz do Goberno Local no Pleno realizado o pasado 14 de xaneiro.
Nese Pleno José Manuel Lage asegurou que o Goberno mantén ese compromiso, cuestión sobre a que desde logo o BNG se vai manter moi vixilante.