As Urxencias Hospitalarias, novo obxectivo dos recortes do PP
O BNG denuncia que os recortes do PP son insaciábeis e non teñen paraxe no ámbito da saúde, inclusive ás mesmísimas urxencias.
O Grupo Municipal, que estarán presente na concentración de mañá ás 20.00 h. no Obelisco, lembra que no verán haberá 210 camas menos nos hospitais públicos da cidade
O Grupo Municipal do BNG sinala que os recortes do Partido Popular son insaciábeis e non teñen paraxe no ámbito da saúde, chegando inclusive ás mesmísimas urxencias como denunciaron no día de hoxe as representantes das traballadoras do CHUAC ante a falta de persoal para atender as persoas que alí acoden.
O BNG, que estará presente mañá na concentración convocada polos sindicatos para as 20.00 h. no Obelisco, sinala que a esta situación súmase o peche de 210 camas nos hospitais públicos da cidade que vai levar a cabo Consellaría de Sanidade durante o verán. Así serán 48 camas no Abente e Lago, 42 no Hospital de Oza, 60 no Hospital Teresa Herrera e 60 no CHUAC.
Para o Bloque Nacionalista Galego, a situación de urxencias no CHUAC é unha mostra máis da política inhumana do Partido Popular de atentar contra a saúde e contra os dereitos das persoas máis débiles e cita como outros exemplos do deterioramento e desmantelamento da sanidade pública na área sanitaria da Coruña o peche da planta de medicina interna do Abente y Lago, o peche da xefatura territorial do Sergas, a derivación de pacientes a hospitais privados, a privatización do servizo de mantemento e conservación de hospitais.