QUE PENSA FACER O GOBERNO LOCAL?, PREGUNTA DE FRANCISCO JORQUERA.
As obras da urbanización Xardíns da Gaiteira, promovidas por Metrovacesa, causan prexuízos a un edificio da Rúa San Diego
Entre outros prexuízos producidos pola construción dun dos inmóbeis que fan parte da urbanización Xardíns da Gaiteira, o edificio da Rúa San Diego ve como se está a cegar a iluminación e ventilación do seu andar baixo e dos baños das vivendas.
“A maiores”, relata Francisco Jorquera nunha pregunta por escrito ao Goberno Local, “[a nova construción de Metrovacesa] dificulta o acceso ás zonas de medianaría e patio, impedindo actuacións de mantemento nas mesmas”. “Dáse a circunstancia”, engade o voceiro do BNG en María Pita, “de que os propietarios do edificio afectado recibiron autorización para mellorar o illamento térmico e a eficiencia enerxética, mais a actual situación empece calquera actuación na fachada traseira”.
Hai máis prexuízos para o edificio da Rúa San Diego: as novas obras da urbanización, pormenoriza Jorquera, “están a cegar a iluminación e ventilación que tiñan cara ao Camiño da Cubela os garaxes do edificio afectado, o que provocará que o garaxe incumpra a normativa vixente, en particular no relativo á climatización, ventilación, calidade do ar e esixencias básicas de seguridade en caso de incendio”.
Por todo isto, e outros danos que se relacionan na pergunta que achegamos, o BNG dirixe unha batería de cuestións ao Goberno Local.
Así, Jorquera interésase por saber se as obras de Metrovacesa que afectan este edificio da Rúa San Diego se axustan, en opinión do Goberno Local, á legalidade urbanística.
Para o portavoz do BNG, estaríamos ante non poucas infraccións urbanísticas por parte da promotora de Xardíns da Gaiteira. Así, por exemplo, Jorquera pregúntalle ao Executivo coruñés se non considera “motivo de infracción” o feito de que na práctica “se obrigue o edificio afectado a realizar unha nova acometida de saneamento”, sendo que a rede de que dispuña “está atinxida pola nova construción”.
Jorquera insta o Goberno Local a que persoal técnico do Concello realice unha inspección “para comprobar os feitos descritos” e a que diga que actuacións vai emprender para reparar os danos producidos ao edificio da rúa San Diego.
Na exposición de motivos desta iniciativa, o portavoz nacionalista lembra que Xardíns da Gaiteira é un proxecto inmobiliario que se está a desenvolver nos antigos terreos do Corralón da Gaiteira e o Camiño da Cubela “despois de que no anterior mandato, o Goberno Municipal transmitise á promotora o aproveitamento municipal de case 400 metros cadrados, desouvindo as peticións da asociación veciñal, que reclamaba que os soares fosen rehabilitados e o seu destino fose a creación dunha área de ocio e zona verde”.