O TSXG avala coa sentenza do Plan Xeral as políticas especulativas no Porto ou na Torre

O TSXG avala coa sentenza do Plan Xeral as políticas especulativas no Porto ou na Torre

Despois da publicación da sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en resposta á demanda presentada contra o PXOM queremos sinalar que a acataremos mais non podemos compartila nin xuridica nin politicamente.

Acatamos mais non compartimos nin xuridica nin politicamente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza sobre o PXOM

Vista do Hotel Finisterre desde o Paseo do Parrote

Xa que logo cremos que os fundamentos xurídicos da sentenza do TSXG é un copiaepega dos argumentos da Xunta de Galiza e do Concello da Coruña mesmo chegando a desdicirse a respecto doutras sentenzas do propio tribunal superior para casos semellantes.

Así, queremos sinalar que en casos idénticos ten habido outros fallos tanto no propio TSXG, nomeadamente chama a atención o caso da ausencia do informe de minas que foi causa, como se expón na propia demanda, da anulación do PXOM en Ourense. Para nós esta sentenza tamén contradí outras doutros tribunais superiores de xustiza, do Tribunal Supremo ou do Constitucional, razón pola que non se entende porque actúa doutra maneira e sen argumentalo.

Lembramos que recorrimos o PXOM co único obxectivo de defender os intereses públicos da cidade da Coruña polo que sinalamos que o TSXG, con esta sentenza, está a avalar políticas especulativas en zonas tan sensíbeis como o Porto ou a contorna da Torre de Hércules e Durmideiras

Vista dos peiraos interiores do porto da Coruña

Para nós son especialmente chamativos: en primeiro lugar, o caso dos terreos da Solana e do Finisterre no que o TSXG fala do ius variandi, avalando que a Administración poida mudar a cualificación urbanística destes terreos sen xustificalo. Cómpre lembrar que, sen xustificación ningunha, pasaron de figuraren como terreos dotacionais públicos a figuraren como dotacionais privados, motivo polo que recoreramos o plan.

En segundo lugar, no caso do Porto, dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, tiñamos recorrido o PXOM debido a que o convenio urbanístico obviaba o deber de cesión gratuíta ao Concello do 10% dos terreos para aproveitamento existente no ámbito xa que figura como solo urbano non consolidado. Neste particular, o Bloque amósase sorprendido porque o TSXG, na súa sentenza, resolve de xeito contraditorio ao que estabelece a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e que constaba nas conclusións da demanda.

En terceiro lugar, no caso da contorna da Torre de Hércules e de Durmideiras, é inadmisíbel que a sentenza do TSXG avale a construción en zona buffer de protección do monumento declarado como Patrimonio da Humanidade.

Dadas as discrepancias cos fundamentos da sentenza do TSXG, estudaremos a posibilidade de presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo

Vista a Torre de Hercules, Patrimonio da Humanidade

É por todo isto que, se no seu momento recorremos o PXOM co obxectivo de defender os interese públicos da cidade da Coruña, consideramos que o TSXG con esta sentenza está a avalar políticas urbanísticas especulativas en zonas tan sensíbeis como o Porto ou a contorna da Torre de Hércules e Durmideiras e que, polo tanto, non podemos compartila politicamente.

Por último, dadas as discrepancias cos fundamentos da sentenza do TSXG, estudaremos a posibilidade de presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo.

 

A Coruña, 29 de xullo de 2016

O TSXG avala coa sentenza do Plan Xeral as políticas especulativas no Porto ou na Torre