O Tribunal de Cuentas admite o escrito presentado polo BNG e abre dilixencias no caso Someso
A Coruña, 8 de febreiro de 2013.- Ao Grupo Municipal do BNG non lle sorprende que o Ministerio Fiscal decidira arquivar a denuncia do Goberno municipal sobre Someso ao poñer os feitos en coñecemento da Fiscalía sen sequera tipificar os delitos asociados e sen concretar as persoas responsábeis. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril. Precisamente, o propio Carril xa llo indicara ao alcalde nun escrito remitido o 12 de xaneiro de 2013. Neste escrito, o portavoz do BNG puña de manifesto que nin o informe municipal de 15 de xuño de 2012, nin no informe sen data da Asesoría Xurídica se tipifican as condutas delitivas e se identifican os suxeitos.
«O Goberno municipal puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal sen tipificar os delitos asociados e sen concretar as persoas responsábeis (nin o informe municipal de 15 de xuño de 2012, nin no informe sen data da Asesoría Xurídica se tipifican as condutas delictivas e se identifican aos suxeitos)»
Lamentabelmente, hai que criticar de novo a actuación chapuceira e suicida do Goberno Local, tanto política como procesual, no caso Someso. Cada paso que dá, mesmo con duras críticas ao Tribunal Superior de Xustiza e ao Ministerio Fiscal para xustificar a súa pésima actuación, está a complicar máis a situación, que de non remediala vai hipotecar os orzamentos municipais durante varios anos.
O Tribunal de Cuentas, logo de admitir o escrito presentado polo BNG, acordou abrir dilixencias no caso Someso, razón pola que o BNG se personará
O Grupo Municipal do BNG vén de recibir a notificación do Tribunal de Cuentas en resposta ao seu escrito presentado o 17 de xaneiro de 2013. No seu escrito, o Tribunal de Cuentas notifícalle ás nacionalistas a apertura de dilixencias preliminares polas irregularidades no caso Someso, dándolle ao Grupo Municipal do BNG a posibilidade de persoarse.
Por esta razón, o Grupo Municipal do BNG anuncia que se vai personar, constituíndo en parte nas presentes dilixencias.
Alén do que decida en materia de responsabilidade contábel, non hai que esquecer que o propio Tribunal de Cuentas pode formular denuncia formal tamén pola vía penal.
No seu escrito, o BNG xa lle dera conta ao Tribunal de Cuentas do «Informe jurídico de la Asesoría Jurídica del Ayuntamiento de A Coruña y da remisión de las conclusiones de la investigación al Ministerio Fiscal por si las irregularidades evidenciadas son constitutivas de delito». Indicándolle, ademais, no seu escrito que na remisión que facía o Goberno municipal á Fiscalía non se mencionaba nin as condutas delitivas nin tampouco as persoas responsábeis. Literalmente, o Grupo Municipal do BNG lle comunicaba ao Tribunal de Cuentas o seguinte: «con todo, el informe de la Asesoría Jurídica del Ayuntamiento no procede en ningún momento a tipificar las conductas delictivas, ni tampoco a identificar las personas responsables de tales conductas delictivas. En consecuencia, el Gobierno Municipal puso los hechos en conocimiento del Ministerio Fiscal sin tipificar los delitos asociados y sin concretar las personas responsables, de modo que no formula ninguna querella criminal (al amparo del artículo 270 de la Ley de Enjuiciamiento Criminal), dado que simplemente se limitó a presentar en la Fiscalía un escrito de denuncia (al amparo del artículo 262 de la citada Ley de Enjuiciamiento Criminal)».
En escrito presentado esta mesma mañá por rexistro, o BNG solicitalle ao Goberno municipal revise de oficio todas as actuacións e acordos adoptados sobre Someso, anunciando o BNG que será el quen acuda aos Tribunais para isto se o Goberno Municipal desestima a nosa acción
Pola outra banda, en escrito rexistrado esta mañá, o Grupo Municipal do BNG solicítalle ao Goberno do Sr. Negreira que revise de oficio todas as actuacións e acordos adoptados en Someso. E debe facelo de xeito inmediato. Se o Goberno Municipal desestima a nosa solicitude, será o propio BNG quen acuda aos Tribunais para que se proceda á revisión dos actos e acordos administrativos relativos ao Sector 7 de Someso.
Cómpre lembrar que tanto no escrito enviado polo portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, ao alcalde o 12 de xaneiro de 2013 como na moción que o PP rexeitou no pleno de 14 de xaneiro de 2013, as nacionalistas insistiron en que o Goberno municipal debía proceder, de inmediato, á incoación de procedemento de revisión de oficio de actos e acordos ilegais, de execución do Plan Parcial do S-7 de Someso.
Na solicitude rexistrada esta mañá, o Grupo Municipal do BNG indícalle ao Goberno do Sr. Negreira que a acción á que se insta é compatíbel con outras accións por parte da Administración local se teñen interpostas ou deban interpoñerse en vía penal, civil ou de responsabilidade contábel.
Por último, en resposta ás preguntas dos medios sobre o anuncio do Goberno municipal de acudir ao Tribunal de Cuentas, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril indicou que "non será porque non llo teña solicitado o Grupo Municipal do BNG" e engadiu "e menos mal que chega, aínda que sexa tarde e a remolque do BNG". Porén, insistiu en que o que urxe agora é que o Goberno municipal conteste positivamente a solicitude do BNG de revisar de oficio todas as actuacións e acordos adoptados sobre Someso, se é que quere resolver, definitivamente, o problema, deixándose de demagoxias e de políticas e actuando conforme a criterios de legalidade. "Se recoñece que os actos son irregulares, o normal será que os revisen", concluíu.