UNHA INICIATIVA DE NÉSTOR REGO
Por un tren de proximidade para a área urbana da Coruña
Na área metropolitana da Coruña concéntrase un grande número de habitantes que, coas infraestruturas xa existentes, poderían ter acceso a un servizo ferroviario de calidade para os desprazamentos de proximidade. Nas últimas décadas, as infraestruturas ferroviarias que atravesan esta cidade non tiveron melloras significativas e tampouco se iniciou a súa electrificación ou a construción dunha dobre vía na liña A Coruña-Palencia. De facto, elimináronse os apeadoiros ferroviarios das Xubias, A Pasaxe ou Guísamo e mesmo a praia de vías (plataforma de manobras) en estacións como a de Cambre que impiden o cruzamento de trens.
"A Coruña xa dispón dos elementos básicos para implantar un servizo de cercanías, similar aos que xa funcionan na práctica totalidade das áreas metropolitanas do Estado español”, incide Rego. Un servizo que podería mellorarse coa “electrificación e desdobramento da vía, a rehabilitación dos tramos abandonados, a reconstrución e acondicionamento dos apeadoiros ferroviarios, a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto na proximidade das estacións ou apeadoiros, a mellora dos accesos e o aumento de puntos de cruzamento permitiría poñer en marcha un sistema de frecuencias intensivo para as proximidades ferroviarias”.
“É preciso apostar pola construción do bypass de Betanzos- que xa reclamamos nos Orzamentos do Estado- para abrir as portas a empregar o ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol como un medio de transporte útil e digno e aumentando de maneira exponencial o seu uso” explica o deputado do BNG. Rego indica a necesidade de restituír os apeadoiros abandonados, e, de ser necesario, pola apertura de novas estacións “para dar cobertura aos principais núcleos de poboación” e a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades.
En materia tarifaria, debe destacarse que “a propia Renfe declara que o Eixo Atlántico é o servizo de Media Distancia que máis beneficios achega ao operador estatal, obviando que moitos destes servizos prestados e cobrados como de Media Distancia -e por tanto máis caros-, deberían ser realmente considerados proximidades”.
“Aplicar unha política tarifaria accesíbel e competitiva é imprescindíbel se queremos que a xente aposte polo tren como medio de transporte sustentábel, podería ademais explorarse a posibilidade de incluír o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza, así como a instauración doutras bonificacións ou descontos atendendo ao número de viaxes e características das persoas usuarias” afirma o deputado nacionalista.
Para o BNG, o ferrocarril é un elemento de xustiza, cohesión e progreso social, un transporte que axuda a diminuír as diferenzas sociais e económicas entre persoas e territorios. “Galiza non pode renunciar a un servizo ferroviario moderno e competitivo debendo poñer as bases para logralo”, conclúe Néstor Rego.