O trasvase de Meirama a Cecebre só ten como obxectivo facer rendíbel a minicentral
A Coruña, 3 de setembro de 2013.- O BNG sinala que a inversión de dez millóns para a condución da auga entre a balsa mineira de Meirama e o encoro de Cecebre ten como obxectivo facer rendíbel a minicentral propiedade dunha empresa, Minicentrales Eléctricas de Galicia, na que ten intereses a concelleira de Cultura do Concello da Coruña. Así pídelle ao Goberno local que non enmascare o trasvase na suposta falta de subministro ante unha posíbel seca e non antepoña o negocio á sustentabilidade, pois como lembra o Plan Seca da Xunta, o abastecemento de auga na cidade e na comarca é suficiente e o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia.
O proxecto de Minicentrales Eléctricas de Galicia para o aproveitamento hidroeléctrico da represa de Cecebre, negado reiteradamente polo Partido Popular, e que xustifica a construción do túnel de dez millóns de euros, foille dado, á súa avaliación ambiental, luz verde o pasado 27 de maio pola Consellaría de Medio Ambiente, non constando na actualidade que a empresa desestimase a solicitude de autorización da minicentral nin que Augas de Galiza declarase a caducidade da concesión.