O BNG denuncia que Facenda trata como defraudadoras fiscais as persoas emigrantes retornadas
A Coruña, 3 de setembro de 2013.- O BNG organiza este xoves, día 5, no hotel Riazor unha asemblea informativa na que estará presente o portavoz Francisco Jorquera para falar das sancións da Axencia Tributaria a receptoras de pensións da emigración e que se encadra dentro dunha campaña informativa que está a desenvolver o BNG por todo o país co fin de paralizar os expedientes remitidos pola Axencia Tributaria e informar aos emigrantes retornados sobre as súas obrigas aplicando a lei a partir de 2012 e sen carácter retroactivo desde o 2008.
As nacionalistas denuncian os expedientes da Axencia Tributaria contra as emigrantes galegas retornadas coa obriga de acreditar as cantidades percibidas durante os anos 2008, 2009, 2010 e 2011, pois están a tratar as emigrantes galegas como defraudadores fiscais cando este colectivo nunca recibiu notificación algunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro. E é que desde febreiro estas contribuíntes recibiron requirimentos por parte da Axencia Tributaria coa posibilidade escandalosa de adiar o pago baixo a condición de sumar á cantidade requirida os intereses.
A maioría das persoas afectadas perciben anualmente entre doce e dezaseis mil euros, sinalan as nacionalistas, que cualifican a campaña da Axencia Tributaria de inmoral e noxenta, e denuncian que o Goberno español se mostre tan brando cos verdadeiros evasores fiscais con grandes cantidades millonarias e manteña un puño tan férreo coas persoas que traballaron no estranxeiro ante a imposibilidade de poder facelo na súa terra.