SANIDADE
Trasladamos ao Parlamento de Galiza a situación da área sanitaria da Coruña
Demandamos abrir as camas que permanecen pechadas no Abente y Lago pese ao colapso diario nas urxencias
Reclamamos un Plan de mellora de atención primaria para acabar coas listas de agarda e garantir unha asistencia de calidade que evite os colapsos nas urxencias hospitalarias que se traducen en doentes nos corredores e recibindo unha peor atención sanitaria
A nosa portavoz de Sanidade no Parlamento de Galiza, Monte Prado, demandou do Sergas a apertura inmediata das 25 camas que permanecen pechadas no Hospital Abente e Lago pese ao colapso do servizo de urxencias que mantén case a diario a persoas doentes esperando nos corredores do centro para ser atendidos.
“Persiste a situación recorrente de colapso do servizo de urxencias cunha media de 20 doentes cada mañá agardando para poder ser ingresados e mentres isto pasa manteñen camas pechadas”, denunciou Montse Prado na Comisión de Sanidade.
A nosa deputada tamén fixo fincapé na necesidade de aplicar un plan de mellora da atención primaria, porta de entrada para a atención hospitalaria, cuxas carencias están detrás das esperas no servizo de urxencia dos centros hospitalarios, “aos que acoden as persoas cando non son atendidos nos centros de saúde”, indicou a nosa parlamentaria.
Por iso, Montse Prado reclamou un “plan de mellora de atención primaria para acabar coas listas de agarda e garantir unha asistencia de calidade que evite os colapsos nas urxencias hospitalarias que se traducen en doentes nos corredores e recibindo unha peor atención sanitaria”, concluíu.
Esta intervención tivo lugar despois de que trasladaramos unha batería de iniciativas ao Parlamento (que podes ver aquí) ante o continuo colapso da área sanitaria da Coruña.
Santiago de Compostela, 11 de Outubro 2017