UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO
A transferencia ao Concello da titularidade da DP-0512, necesaria para garantir a seguridade viaria e peonil
O BNG rexistra esta iniciativa após ter tido encontros con representantes da veciñanza do Birloque, As Rañas, O Martinete e Avenida de Glasgow, moi preocupada pola alta intensidade de tránsito -e a falta de elementos de seguridade básicos- nesa estrada.
En concreto, veciños e veciñas concentráronse o pasado 31 de xullo, anota Soto no texto da moción, baixo o paso a nivel ferroviario situado na intersección da estrada DP-0512 coa de Someso “para esixir o aseguramento urxente da seguridade viaria”. “Certamente”, acrecenta, “nese punto a estrada carece de beirarrúa, o que obriga os viandantes a ter que ocupar a vía asfaltada para poder continuar o seu camiño, nun tramo de estreitamento da calzada”.
É máis, e sempre segundo testemuñan as veciñas e os veciños, “esta carencia de beirarrúa ten ocasionado algún accidente, mesmo grave, neste punto”.
A solución ben podería ser a que propón a veciñanza, a apertura dun paso inferior por baixo das vías para garantir o paso seguro de peóns, algo que xa se ten feito á altura da rotonda de acceso a Pocomaco.
Nos puntos resolutivos da moción, o BNG propón instar a alcaldesa a que dea traslado inmediato á Deputación -en tanto non se consumar a transferencia da titularidade- da necesidade de acometer con urxencia as obras necesarias para acondicionar, garantir a seguridade viaria e peonil, e calmar o tráfico na estrada DP-015 no treito que atravesa o termo municipal da Coruña.ç
Canto ao traspaso da titularidade, apunta Soto que “este grupo municipal é coñecedor de que no pasado teñen existido negociacións para a transferencia desta vía, se ben non hai noticias de que tales negociacións continúen en marcha, nin de que se chegase a acordo ningún”.