UNHA INICIATIVA PARA O PLENO DO 7S
Jorquera urxe o Goberno Local a que inste Albada a selar os vasos colmatados de lixo de Nostián
O non selado do vertedoiro implica un grave problema ambiental, sendo que os vasos, ao non estaren ben fechados, continúan a deitar augas e lixiviados á rede de saneamento.
A maiores, remarca Jorquera na exposición de motivos desta iniciativa, “continúa sen haber unha solución definitiva aos refugallos, que se seguen enviando ao Centro Xestor das Pías en Sobrado dos Monxes”.
O que pretende o BNG con esta moción é que o Goberno Local materialice os acordos contidos nunha outra moción aprobada por unanimidade pola Corporación no pasado mandato, en concreto na sesión plenaria do 2 de marzo. Aquel día, o Pleno pediulle ao Executivo coruñés que “adoptase todas as medidas necesarias diante do Ministerio de Transición Ecolóxica” visando “defender e manter un modelo viábel de separación húmido-seco das fraccións de lixo”. Tamén se demandaba que os pregos do novo contrato -o actual caducou en decembro de 2019!- se consensúase no seo do Consorcio das Mariñas e que se incorporase ao anteproxecto as medidas precisas para a redución dos refugallos, de modo a “cumprir cos obxectivos europeus de tratamento dos residuos”.
O problema é que, decorridos seis meses desde a aprobación da moción, “non constan avances no seu cumprimento” e continúan a ser moitas “as incertezas sobre o futuro da planta de Nostián e do modelo coruñés de xestión e tratamento dos residuos sólidos urbanos”, anota Jorquera.
Nese último sentido, sinala o portavoz nacionalista que quer o Ministerio de Transición Ecolóxica quer a Xunta de Galiza teiman na defensa da recollida separada de envases (o que implicaría a instalación dun quinto contedor nas rúas, co conseguinte impacto ambiental e aumento dos custos).
A posición dos gobernos central e galego é contraria a un mínimo de racionalidade medio ambiental e, desde ese punto de vista, acaba de se facer público un estudo de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) que demostra que o modelo coruñés é máis sustentábel que o de SOGAMA.
“Así, en 2022 en Nostián recuperáronse 58,4% dos envases lixeiros, cunha media de 31,9 quilos de residuos de envases por habitante e ano, fronte ao 15,4% (cunha media de 8,3 quilos por habitante e ano) de Sogama”, subliña Jorquera.
E, mentres tanto, a planta continúa deteriorándose, segundo denuncian as e os traballadores das instalacións, até o punto de se ter producido “unha avaría no separador balístico que afecta a separación de materiais por densidade, implicando unha menor calidade na separación e un incremento das derivacións ao vertedoiro.”
En todo caso, Jorquera pon o acento en que o tratamento e eliminación dos residuos sólidos urbanos constitúe un “servizo esencial” para garantir a protección da saúde pública e do medio ambiente. “Non é de recibo que case catro anos despois do remate da concesión, con todo un mandato transcorrido desde aquela, este servizo se continúe a prestar en precario”, conclúe.
Por tanto, a moción pídelle ao Goberno Local que cumpra os acordos de marzo, licite canto antes o novo contrato, vele mentres tanto polo correcto funcionamento da planta (o que inclúe o selado dos vasos cheos de lixo) e desenvolva un plan de mellora da separación en orixe, “incluíndo campañas de información e concienciación dirixidas ao conxunto da cidadanía”.