CASA CORNIDE
Tomamos simbolicamente a Casa Cornide
Coincidindo co debate no Parlamento de Galiza sobre o Pazo de Meirás, volvemos realizar unha acción simbólica reivindicando a devolución do espolio realizado en beneficio da familia Franco
Na Galiza hai moitos pequenos «Pazos de Meirás» que deben ser devoltos. Á acción política vai parella a acción social: a Casa Cornide é outro símbolo do espolio executado polo franquismo que ilexitimamente se apoderou de patrimonio público, do de todas e de todos. A moción que presentamos no Pleno do Concello de principios deste mes, na que precisamente solicitabamos iniciar, nos ámbitos que proceda, o proceso para posibilitar a devolución do Pazo de Meirás e da Casa Corrnide para a súa incorporación ao patrimonio público, non foi un brinde ao sol xa que logo cremos firmemente na restitución da Memoria e da dignidade. Malia as ameazas da Fundación Franco. Non nos amedrentarán
Tomamos simbolicamente, esta mañá, a Casa Cornide, noutras das actividades estamos realizando na xeira que desenvolvemos no conxunto de Galiza, para a restitución da Memoria Histórica, da dignidade e para a devolución do espolio franquista realizado en beneficio da familia Franco.
Así, e despregando unha pancarta ao longo do balcón principal do edificio cos lemas “Que nos devolvan o roubado”, “Franquismo Nunca Máis”, un grupo de persoas tomamos “simbolicamente” a Casa en coincidencia co debate que se estaba producindo precisamente nese mesmo momento no Parlamento de Galiza sobre o Pazo de Meirás.
Deste xeito, reivindicamos a devolución ao patrimonio público a Casa Cornide, obxecto no seu día dunha poxa irregular adxudicada á mantenta a Pedro Barrié de la Maza para a súa posterior “doazón” ao patrimonio de Francisco Franco.
E é que a principios deste mes presentamos unha moción no Pleno da Coruña, que foi aprobada co apoio de todos os grupos agás o Partido Popular, para que o Concello, entre outras cuestións, realice un estudo da implicación da propia administración local para co beneficio lucrativo da familia Franco durante a ditadura, e nomeadamente, para co proceso que deu lugar á loxa pública deste edificio, que no seu día chegou a recoller as dependencias municipais e ser Casa do Concello.
Neste sentido, avanzamos que non se deixaremos de executar este tipo de actuacións parellas á acción institucional, xa que logo o único obxectivo que se persigue é a normalización democrática, a elaboración dunha Lei galega da Memoria e o retorno dos bens roubados no franquismo, que está a se amosar nos últimos tempos de xeito descarado, e mesmo florecer, e que encabezado pola Fundación Francisco Franco está reivindicando a pervivenza dos ideais e do legado da Ditadura, algo que debería estar prohibido, perseguido e sancionado.
Na Galiza hai moitos pequenos «Pazos de Meirás» que deben ser devoltos. Á acción política vai parella a acción social: a Casa Cornide é outro símbolo do espolio executado polo franquismo que ilexitimamente se apoderou de patrimonio público, do de todas e de todos. A moción que presentamos no Pleno de principios deste mes, na que precisamente solicitabamos iniciar, nos ámbitos que proceda, o proceso para posibilitar a devolución do Pazo de Meirás e da Casa Corrnide para a súa incorporación ao patrimonio público, non foi un brinde ao sol xa que logo cremos firmemente na restitución da Memoria e da dignidade. Malia as ameazas da Fundación Franco. Non nos amedrentarán.
Despois desta toma simbólica, e rematado o acto, as activistas que accederon ao balcón da Casa Cornide procederon a ser identificados pola policía, sendo incautada a pancarta despregada sen maior explicación que a da necesidade de ser depositada en dependencias policiais.
Por último, tamén instamos o Goberno municipal da Marea a que, no ámbito das súas competencias, e en función dos acordos tomados na moción que se aprobou a principios deste mes no Pleno, comece a executala de vez, xa que entendemos que compartimos o obxectivo común de restituír, canto antes, a nosa Memoria Histórica e a nosa dignidade como pobo.
A Coruña, 26 de setembro de 2017.
Artigos relacionados: