PREGUNTA ORAL DE JORQUERA NO PLENO DESTE XOVES 9S

Todo apunta a que a escolla de Moisés Naranjo foi un dedazo e non froito dun concurso transparente

Francisco Jorquera. Pleno extraordinario Punta Langosteira.
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vaille preguntar ao Goberno Local, no Pleno deste xoves 9S, sobre o proceso que levou á escolla de Moisés Naranjo como novo xerente do Consorcio de Turismo.
Todo apunta a que a escolla de Moisés Naranjo foi un dedazo e non froito dun concurso transparente

Xa no Pleno do mes de xullo, e ante o cesamento de Lanzada Calatayud, Jorquera advertía que as razóns aducidas polo Goberno Local para esta destitución ben podían ser “un pretexto para colocar na Xerencia unha persoa que o Goberno Municipal xa tiña en mente”.

Ao concurso para escoller unha nova persoa á fronte da Xerencia, convocado en agosto, en plena temporada alta, e con apenas 8 días de prazo para elaborar un proxecto que acompañase a candidatura, só concorreron 3 persoas en contraste coas 35 que formularan candidaturas en 2016.

“Todos os datos apuntan a que a escolla do novo xerente non foi froito dun proceso transparente”, avalía Jorquera. “Curiosamente”, apunta, “Moisés Naranjo demite como xerente do Padroado de Turismo de Fuerteventura un mes antes do cesamento de Lanzada Calatayud”.

Hai máis. As bases do concurso establecían que as persoas candidatas “serían avaliadas por un órgano composto por profesionais cualificados e especialistas”, mais finalmente as candidaturas foron valoradas “polo cadro técnico da empresa Valora Consulting de Xestión, contratada polo Consorcio a tal efecto”.

E, para máis inri, nunha recente entrevista, publicada por Tur 43. Periódico de turismo del norte, Moisés Naranjo, inqurido pola situación da cidade en materia turística, contestou textualmente: “Desde logo hai moito que facer, eu en parte aceitei o cargo por iso”, como se o seu fose un posto de designación e non unha praza sometida a concurso público.

“Polo tanto, estamos ante un concurso opaco, ante un auténtico dedazo, non ante un concurso transparente”, denuncia Jorquera.
Todo apunta a que a escolla de Moisés Naranjo foi un dedazo e non froito dun concurso transparente