UNHA MOCIÓN DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 9S

"Outra forma de vivenda", unha iniciativa digna de apoio

Encontro con Outra Forma de Vivenda, Avia Veira e Alexandra Fernández. 12 de xullo de 2021.
Avia Veira e a nosa parlamentar Alexandra Fernández, reunidas con Outra Forma de Vivenda
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno deste xoves 9S unha moción para o Concello dar o seu apoio á iniciativa “Outra forma de vivenda”, un modelo de cooperativas en cesión de uso que se ten probado con grande suceso en países como Uruguai ou Dinamarca.
"Outra forma de vivenda", unha iniciativa digna de apoio

Veira pídelle ao Goberno Local que estude a cesión dunha parcela municipal na cidade para desenvolver esta iniciativa pioneira na cidade e que en xeral apoie e dea a coñecer o modelo de vivendas cooperativas en cesión de uso.

A Coruña está neste momento ben lonxe de satisfacer o dereito das persoas a accederen a unha vivenda digna a prezos asequíbeis. “O prezo que soportamos na cidade por adquirir unha vivenda é 23% máis elevado do que a media estatal, de acordo cos dados da Estatística Rexistral Inmobiliaria”, denuncia Avia Veira. A Coruña é, remarca, “a máis cara da Galiza no caso de quixermos alugar unha vivenda”.

Como enfrontar este problema desde o Concello? Hai diversas vías que cumpre transitar se queremos desenvolver unha política de vivenda que vaia á raíz desta cuestión.

“Debemos facer todo o que estea nas nosas mans para facilitar o acceso a un ben básico como é o da vivenda e podémolo facer desde o Concello da Coruña coa promoción pública, cos distintos proxectos que están en marcha, co desenvolvemento dunha bolsa de vivendas de aluguer, mais tamén co apoio a iniciativas como ‘Outra forma de vivenda’”, afirma Avia Veira.

“Outra forma de vivenda”, explica a concelleira, é unha iniciativa que, ao optar pola fórmula da cooperativa, fai que as persoas “poidan participar de xeito colectivo en todas as fases do proceso, cumprir co dereito de ter unha vivenda digna, accesíbel, con espazos adaptábeis ás distintas realidades comunitarias, con espazos e servizos comúns, inseridas nos barrios e sustentábeis”.

 

 

 

"Outra forma de vivenda", unha iniciativa digna de apoio