A terceira rolda non vai solucionar a conxestión crónica que padece A Coruña
A Coruña, 10 de febreiro de 2015- En relación á visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ás obras da terceira rolda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que esta infraestrutura non vai resolver a conxestión crónica do tráfico na cidade da Coruña e propón que se teñan en conta os medios de transporte públicos alternativos, como o tren.
A este respecto, as nacionalistas critican que o Plan Municipal de Sustentabilidade Urbana (PMUS) aprobado polo Partido Popular non teña en conta os medios de transporte alternativos -nomeadamente o transporte ferroviario de proximidade e o marítimo- para entrar e para saír da Coruña, xa que só aposta polo tráfico rodado por estrada. Nesta liña, insisten na necesidade de apostar polos transportes públicos alternativos, como o marítimo e o ferroviario, para entrar e saír da cidade e así acabar cos embotellamentos crónicos que sofre Alfonso Molina. Os últimos datos, de 2008, sinalan que máis de 145.000 vehículos circulan ao día por esta estrada.
Sobre as obras da terceira rolda, que o BNG cualifica de historia interminábel, o Grupo Municipal do BNG afirma que as infraestruturas son moi necesarias, pero non por iso teñen que provocar o illamento dos barrios da cidade, como está a acontecer coas Rañas e Birloque e a segunda fase de Elviña, tal e como ten denunciado o Bloque en numerosas ocasións coa AVV Os Anxos.