Na cimeira do 5M Inés Rey debe dicir non á proposta da Xunta sobre Batería e Calvo Sotelo
Esa proposta concedería á Xunta o control (unha participación de 51%) sobre a entidade que xestionaría a transformación deses peiraos unha vez que fiquen libres dos seus usos portuarios.
Esta mesma semana, a concelleira nacionalista Avia Veira, após a reunión da Comisión Especial do Bordo Litoral, denunciou que o Goberno Local continúa na “indefinición” sen esclarecer que pensa sobre a intención da Xunta.
O BNG non lle ve ningún sentido a que o Concello teña que pagar ningunha cantidade polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo unha vez que deixen de cumprir unha función portuaria. Son terreos gañados ao mar e que deben volver ao seu lexítimo dono, a cidade da Coruña, sen ningunha contraprestación económica.
É por isto que o Bloque agarda que Inés Rey aproveite a ocasión que lle brinda a nova cimeira inter-administracións sobre o porto para lle deixar claro á Xunta a súa oposición a unha proposta que na práctica significaría perder o control sobre terreos que lexitimamente pertencen á cidade.
“Os terreos do porto teñen que reverter ao Concello cando sexan definitivamente desafectados. E o Concello, e non a Xunta, ten que liderar o consorcio que pilote a transformación dos peiraos e o deseño da nova fachada marítima da Coruña”, defende Avia Veira.
A concelleira anuncia que nos próximos días o BNG rexistrará no Concello unha moción nese sentido. “Pediremos tamén total transparencia. Non pode ser que a estas alturas os grupos municipais da oposición continuemos sen coñecer os termos exactos do convenio proposto pola Xunta sobre Batería e Calvo Sotelo”, conclúe a concelleira.