É tan reprobábel a actitude do Sr. Méndez como as reformas aprobadas polo PP e polo PSOE
A Coruña, 6 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou a favor da revogación do título de fillo predilecto da Coruña a José Luis Méndez, ex director xeral de Caixa Galicia. Precisamente, as nacionalistas presentaran até en dúas ocasións, en xullo de 2012 e en febreiro de 2011, mocións para a retirada deste título honorífico. Porén, o rolo da maioría do PP impediu o debate destas iniciativas presentadas en Pleno polo BNG.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, lembrou na sesión plenaria desta mañá que foron as nacionalistas as primeiras en solicitar que se lle quitase o título de fillo predilecto a Méndez. Aproveitou Carril este punto da orde do día para ir á raíz do problema. "As actuacións do Sr. Méndez, totalmente criticábeis e condenábeis non son consecuencia, unica e exclusivamente, do seu facer individual", apuntou. "Non son froito dun accidente cuxas consecuencias haxa que reparar agora simbolicamente coa retirada dunha distinción honorífica", engadiu.
Nesta liña, advertiu de que, se "trata dunha actuación que é a lóxica e natural por un política dedicada a favorecer exclusivamente os intereses dos máis ricos, das grandes empresas e da banca, que é onde se inclúe a permisividade e tolerancia á especulación financeira, que chegou en moitas ocasións a niveis delitivos, como é o caso das preferentes". "E mesmo, até o extremo de garantirlles aos especuladores non só a súa impunidade, senón tamén a conservación dos bens obtidos por estafa, mediante a modificación das leis, que é o que pasa coa legalización das quitas, de modo que se pasa de estafa a roubo", salientou.
O BNG oponse á ordenanza de terrazas do PP, unha normativa arbitraria, perfecta para o caciquismo
Tamén se aprobou esta mañá en Pleno, de xeito definitivo, a ordenanza municipal reguladora das terrazas en espazos públicos, unha normativa que contou co voto en contra das concelleiras nacionalistas. Na súa intervención, a edila do BNG Ermitas Valencia puxo de manifesto que se trata dunha ordenanza "arbitraria, perfecta para o caciquismo que lles gusta tanto".
Valencia, que advertiu dos problemas de convivencia que vai provocar a ordenanza, sinalou que o sector da hostalaría non vai saber a que aterse, "tanto se permite un mamotreto como os da praza de María Pita como se lle pode pechar unha terraza que xa existe porque vive no primeiro andar dun edificio un militante do PP". "Todo está permitido nesta ordenanza, por iso, dicimos que se trata dunha barra libre para o caciquismo do PP", salientou.
Ademais de criticar a instalación de terrazas nos estabelecementos hostaleiros dos grupos II, III e IV, Valencia advertiu de que a ordenanza ampara a transitoriedade indefinida dos mamotretos de María Pita, como mínimo até os 20 anos desde a súa instalación. "E se non chegara con estes mamotretos, a ordenanza permite a instalación de terrazas cubertas e permanentes en espazos públicos de calquera parte da cidade", sinalou.
Boa parte da intervención da concelleira do BNG estivo centrada nas alegacións presentadas á ordenanza, unhas alegacións que foron desestimadas polo Goberno municipal. Parafraseando a propia Sra. Freire, a edila nacionalista denunciou que "mediocre ou, máis ben, nula é a participación cidadá que vostedes practican e que permiten escoitar só os propios". Referíase a que o Goberno municipal só estimou as alegacións dunha das asociacións "orixinarias do viveiro de entidades que seica hai no cuarto andar da rúa Sánchez Bregua, 5-6", lugar onde se sitúa a sede do PP local.
Ermitas Valencia, que lle criticou ao Goberno municipal que non estimase as alegacións da AVV da Cidade Vella, barrio no que o PP organizou frecuentes repartos de propaganda durante a campaña das municipais, concluíu a súa intervención aludindo as fotos que sacan os edís do Goberno municipal co presidente local do PP cando visitan obras. "Saen máis concelleiros que veciños nas fotos e, sen complexo ningún, sacan a foto co presidente do seu partido, tratando de enganarnos", sinalou. "Vostedes reúnense só con figurantes, non con veciños, porque a súa política de participación cidadá é só virtual", concluíu.
"Non chegan os dedos dunha man para contar os anos que levamos agardando pola ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán"
Ademais, na sesión plenaria de hoxe, aprobouse, por unanimidade, o Estudo de Detalle do CEIP Emilia Pardo Bazán. Neste punto da orde do día, a concelleira do BNG María Xosé Bravo afeoulle ao Goberno municipal as reiteradas promesas incumpridas do Partido Popular sobre a ampliación do centro, "non nos chegan os dedos dunha man para contar os anos que a Comunidade Educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán leva esperando pola ampliación".
Lembrou que "en novembro de 2010, o conselleiro Jesús Vázquez insistía, nunha visita á cidade, en que a Xunta mantería o seu compromiso de ampliar o CEIP Emilia Pardo Bazán e que a Consellería faría un "esforzo" para empezar coas obras durante no primeiro semestre de 2011; en febreiro de 2011, noutra visita, dinos que as demandas da comunidade educativa xa teñen resposta por parte da Xunta, porque acaban de adxudicar a redacción do proxecto de ampliación". "Comeza entón un baile de proxectos, propostas e orzamentos diversos onde as demandas da comunidade educativa non son ben atendidas", sinalou.
A continuación, María Xosé Bravo deu conta dos disparates realizados polo Partido Popular na tramitación da ampliación do centro de ensino. "Durante meses, a comunidade educativa nada soubo sobre a ampliación e, no 2012, por fin tivo coñecemento das incongruencias sobre o proxecto: falábase de 3 edificacións cando só hai 2, dicíase que aplicaba artigos da norma zonal 1 do PXOM que non é de aplicación neste ámbito, falábase de normativa de habitabilidade cando a normativa de habitabilidade só é de aplicación ás vivendas, non se xustificaba cumprimento da accesibilidade, falábase do documento de revisión do PXOM aínda non aprobado, non se concretaba edificabilidade, non se reflectía a liña de deslinde, non se indicaba a normativa de aplicación da nova edificación, non era correcto o plano de ordenación, non se aclaraban os volumes nin se concretaban accesos, nin volumes, nin rasantes", lembrou Bravo.
A concelleira do BNG apuntou que en novembro a Consellaría de Educación enviou o novo documento que, de novo, non estaba correcto, porque lle faltaba o anexo da documentación e xustificación do cumprimento da lei 37/2003 de ruídos. Porén, a arquitecta permitía continuar coa tramitación á espera de que se envíase esa documentación. A continuación, en febreiro de 2013, o Goberno municipal aproba, inicialmente, en XGL o estudo de detalle, e en marzo solicita informe preceptivo á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. É entón cando a Xunta "recrimínanos non enviar a petición en papel e ameaza con interromper o prazo para emitir o informe".
Bravo incidiu na falta de cartos para acometer as obras. E é que nos orzamentos galegos de 2013 só aparecen 150.000 euros para esta obra. Lembrou que o BNG presentou no Parlamento unha emenda pedindo ampliar esta cantidade e que esta emenda foi rexeitada. Por último, a concelleira do BNG revelou que, contra o que afirma a Consellaría de Educación na súa páxina web, non existe cesión ningunha de terreos por parte do Concello da Coruña á Xunta, xa que a ampliación se realizará na propia parcela, como din todos os documentos.
Cambio do uso previsto no PXOM para a parcela municipal segregada do CEIP Raquel Camacho e aprobación definitiva do Estudo de Detalle na parcela deste CEIP
Tamén foron aprobados por unanimidade o Cambio do uso previsto no PXOM para a parcela municipal segregada do CEIP Raquel Camacho e aprobación definitiva do Estudo de Detalle na parcela deste CEIP. Durante a intervención nestes puntos, a concelleira María Xosé Bravo criticou que o Goberno municipal falase de equipamento público educativo-asistencial para se referir ás escolas infantís. "As nosas escolas infantís teñen un proxecto educativo que é modelo e envexa noutros lugares, recibiron numerosos premios e a calquera das ensinantes que alí traballan lle parecerá un terríbel menosprezo ao seu traballo e un retroceso que vostedes falen do carácter asistencial", afirmou.
Ademais, puxo de manifesto que "centos e centos de familias da cidade piden praza nunha escola infantil pública e non a conseguen". Para demostralo, amosou unha lista dunha escola infantil pública da cidade, no grupo de idade 1-2 anos, na que só existen dous nenos admitidos e 89 en lista de espera, moitos destes coa puntuación máis alta. Desmentiu, ao respecto, as palabras do Goberno municipal, que asegurou que todas as familias conseguen praza. E é que a tramitación das matrículas de educación infantil non finalizou.
"Vexo que non son conscientes da carencia de prazas para crianzas de 0 a 3 anos na cidade, xa que a actual oferta só cobre 1 de cada 8 demandas; por iso, ampliar a rede de escolas infantís debería ser obxectivo estratéxico de calquera Goberno", salientou. Citou, a continuación, as 8 escolas infantís que recollía o PP no seu programa electoral e criticou que o balance do Sr. Negreira sexa o de 1 escolas infantís no que vai de mandato, tras suprimir o proxecto de escola en Pedralonga. "Agora, coa escola infantil do Raquel Camacho, quedaremos a pre", advertiu.