O Sr. Negreira ten que emprazar a Xunta a suprimir xa as axudas ao Montespiño e ao Peñarredonda
A Coruña, 15 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG valora moi positivamente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os concertos cos centros que segregan o alumnado, un fallo que lle vén dar a razón ao tantas veces demandado polas nacionalistas sobre a ilegalidade de estar a subvencionar este tipo de centros. A concelleira do BNG, María Xosé Bravo, empraza o alcalde da Coruña a esixirlle ao seu compañeiro de partido, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que suprima, de inmediato, as axudas aos colexios Montespiño e Peñarredonda.
A concelleira do BNG considera que estes centros, aos que a Xunta de Galiza destina até 3 millóns de euros ao ano en virtude dos concertos co ensino privado, deben devolver os cartos públicos que recibiron mentres practicaban unha educación sexista cos orzamentos galegos. "É inadmisíbel o repago do comedor ao que obrigará a Xunta de Galiza cando, á vez, estaba tirando cartos neste tipo de centros", engade.
Bravo lembra que o PP en Galiza, na pasada lexislatura, desoíu a LOE e mantivo os concertos educativos que vulneraban a igualdade entre nenos e nenas. Ademais, salienta que o partido do que é presidente provincial o Sr. Negreira, pretende levar adiante unha contrarreforma educativa, o anteproxecto da LOMCE, que aspira a normalizar o desvío de fondos públicos a centros privados que segregan e discriminan ao alumnado en función do sexo. a través do anteproxecto da LOMCE.
A ensinante e concelleira do BNG afirma que a segregación por sexo é antipedagóxica e sinala que se trata dun "regreso ao pasado", así como rachar cos principios educativos básicos construídos nos últimos trinta anos como garantía dunha maior xustiza social e igualdade de oportunidades.