UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS PARA O PLENO DO 12 DE SETEMBRO
Por unha mudanza de rumbo na política cultural do Goberno Local que dea protagonismo ás e aos creadores coruñeses
Así o afirma a concelleira do BNG Mercedes Queixas, quen vai levar ao Pleno de mañá xoves 12 de setembro unha moción por medio da cal insta o Goberno Local a que imprima un cambio de rumbo na súa política cultural, centrada nos grandes eventos con artistas foráneos e que marxina as e os creadores locais.
“Xa o deixaron claro moitas asociacións profesionais e representantes do vizoso movemento asociativo local cando no pasado mes de xullo que fixeron público un comunicado moi crítico”, remarca Queixas.
Cal foi a resposta do Goberno Local a ese comunicado? Pois “obrigar os colectivos culturais da cidade a rebaixaren os seus orzamentos nun 60%, rebaixa que por suposto non se está a aplicar ás e aos artistas foráneos”, censura.
A desastrosa xestión económica do IMCE -con facturas pendentes de pagamento correspondentes a 2023 que ascendían a 4,1 millóns de euros e que obrigaron o Goberno Local a presentar no Pleno un modificativo de crédito- está a ter como vítimas “os creadores e creadores da casa”, que son os que “sufriron as primeiras consecuencias dos excesos e descontrois do gasto deste goberno”, argúe Queixas.
É por isto que na parte dispositiva da moción se empraza o Goberno Local a que cumpra “coas partidas orzamentarias recollidas para 2024 [orzamento negociado co BNG] dirixidas a apoiar os creadores e creadoras locais”.
A desastrosa xestión económica do IMCE -con facturas pendentes de pagamento correspondentes a 2023 que ascendían a 4,1 millóns de euros e que obrigaron o Goberno Local a presentar no Pleno un modificativo de crédito- está a ter como vítimas “os creadores e creadores da casa”
O Goberno Local está instalado “na programación de grandes eventos”, e nunha política que consiste en “mirar cara a fóra e relegar a un plano secundario a cultura de proximidade, a que nace e se crea aquí, a que crea comunidade a diario”.
Nada diso é desde logo o que demandan as e os creadores coruñeses e é esa é a razón pola que a moción do BNG pide que se lle dea impulso ao Consello Municipal da Cultura e a que efectivamente “se dialogue cos axentes culturais coruñeses para as e os facer partícipes da planificación e da programación”.
A iniciativa que se debaterá este xoves pretende tamén que se convoquen as direccións dos espazos culturais vacantes (Fórum, Ágora, Teatro Colón, Bibliotecas Municipais, as Casas Museo), que se executen as obras comprometidas nesas instalacións nos orzamentos vixentes do Concello, que se cumpra o compromiso de recoñecer as salas de concerto e de teatro privadas como espazos de interese cultural e turístico da cidade e que se recupere o investimento en programación destinada a público infantil e xuvenil como o Festival de Monicreques de Nadal, a Ruada das Xoubas, o Festival Manicomios, o ciclo Todopúblico e Bebescena, o ciclo Ilusiooónh! ou o festival de danza Quincegotas.