A PEDIMENTO DO PROPIO CADRO DE PERSOAL
Solicitamos, conxuntamente co resto da oposición, unha visita á planta de Nostián
A visita vaise facer a petición das e dos traballadores. Os grupos da oposición piden que esta inspección á planta se coloque na axenda o antes posíbel.
“A situación de Nostián é cada día máis preocupante. Non só leva co contrato caducado desde decembro de 2019, senón que a previsión é que Goberno Local non licitará a nova concesión até dentro duns 14 meses, o que nos parece unha demora inasumíbel. Mentres tanto, continúa o deterioro das instalacións e os dereitos laborais das e dos traballadores continúan a ser conculcados, ao estaren neste momento fóra de convenio colectivo”, explica Francisco Jorquera.
“O temor que temos é que se chegue a unha situación límite que leve o Goberno Local a presentar a incorporación a Sogama como única alternativa. Ese escenario terá desde logo a oposición frontal do BNG”, remarca o voceiro nacionalista.
Sobre este asunto, o Pleno do Concello aprobou o pasado 4 de febreiro unha moción do BNG en que se urxía o Goberno Local a que licite canto antes o novo contrato e a que, entre tanto, vele polo correcto funcionamento da planta e por que se respecten os dereitos das e dos traballadores.