O BNG comprométese coa A VV Palavea a levar a Pleno a cesión das vivendas da Sareb ao Concello
Os pisos, unha vez transferidos ao patrimonio municipal, terían de engrosar o parque municipal de vivendas.
En realidade, esta iniciativa pretende dar cumprimento a unha moción, tamén da autoría do BNG, xa aprobada polo Pleno do Concello en xullo de 2020 e por unanimidade.
“Nesa moción xa instabamos o Goberno Local a que establecese negociacións coa Sareb. Que nos conste non o fixo. A moción está por tanto viva e ten de ser cumprida. É por iso que nos comprometemos coa Asociación de Veciños a volver colocar esta cuestión no Pleno. Non é posíbel asistir agora de brazos cruzados á posta no mercado libre destas vivendas que claramente teñen que ter un uso social. Non é lóxico que se especule con elas”, afirma o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.
O BNG vai elevar tamén o asunto ao Congreso, anunciou o voceiro do Bloque, dado que a Sareb é unha sociedade participada tamén polo capital público estatal (o FROB ten o 45% da entidade).
“Sempre defendemos que o parque de moradas da Sareb tiña que ir destinado a promocións públicas co fin de efectivamente garantir o dereito das e dos cidadáns a accederen a vivendas dignas a prezos razoábeis e a non seren vítimas da especulación inmobiliaria”, defende Jorquera.