Sobe o paro e seguirá subindo mentres non se reactiven os sectores produtivos
A Coruña, 2 de outubro de 2014.- Ante as cifras de desemprego do mes de setembro feitas públicas hoxe e que mostran un aumento de 255 persoas desempregadas máis na cidade da Coruña, o BNG sinala que o paro sobe e seguirá subindo mentres non haxa investimentos públicos para reactivar os sectores produtivos da nosa cidade e da nosa comarca, que é o caso da ría do Burgo que non conta con ningún investimento público do Estado para o 2015.
Os datos sinalan que na cidade da Coruña hai 21.336 persoas desempregadas, acrecentando especialmente o paro xuvenil pois o colectivo de menores de vinte e cinco anos sobe en 79 persoas, pasando de 956 a 1035 persoas no desemprego. Ademais, salientan as nacionalistas, en todos os sectores medra o paro, agás industria, e onde medra máis é o sector servizos que pasa de 14.978 persoas desempregadas a 15.179, é dicir 201 persoas máis, de modo que os millóns de cartos malgastados en Festas polo Goberno Local non xeran emprego por moito que reitere o Partido Popular, como poñen de manifesto estas cifras do mes de setembro.
E todo isto, salienta o BNG, sen pasar por alto que as cifras non reflicten o número de coruñesas e coruñeses que cada vez máis se ven na obriga de emigrar na busca dun posto de traballo que lles permita vivir porque non encontran traballo na terra, e as persoas que estando no paro deixan de apuntarse ás listaxes do desemprego desanimadas por non dar encontrado traballo.