Conde de Fenosa: o BNG xa advertira de que o incidente de nulidade do Goberno ía fracasar
A Coruña, 2 de outubro de 2014. Logo de coñecerse a providencia do Tribunal Supremo na que non admite a trámite o incidente de nulidade promovido polo Goberno Municipal contra a súa sentenza, que confirma a orde de derrube do Edificio Conde de Fenosa, o BNG lembra que xa advertira que o incidente de nulidade de actuacións presentado polo Goberno Local estaba condenado ao fracaso (achégase nota de 23 de setembro).
Se o Goberno Local ten pensado acudir ao Tribunal Constitucional para seguir dilatando o proceso e aprazar a execución da sentenza, sinalan as nacionalistas,debería aclarar se ten pensado acudir sempre ao recurso do amparo constitucional en asuntos urbanísticos, dado que sería a primeira vez que isto sucede. E dado que é a primeira vez, non se entende que o Goberno Local actúe así salvo que o asunto do Edificio Fenosa sexa especial para o Goberno Municipal, razón pola que debería explicar que ten de especial que non teñan outros casos como este en que non se ten acudido ao Tribunal Constitucional.
Un a facer o que non lle corresponde e outros a vivir a vida
O BNG sinala que mentres o Goberno Local está a facer o que non lle corresponde, perdendo tempo e gastando cartos públicos, outros están a vivir a vida. E é que a promotora Martinsa-Fadesa segue sen facer nada e Francisco Vázquez descansa e vive tranquilo como tertuliano, malia ser o principal responsábel político desta desfeita urbanística.