ANA PONTÓN PRESÉNTAO COMO "O ALCALDE QUE NECESITA A CORUÑA"
O BNG levará ao Goberno Local "os vosos desexos e as vosas aspiracións", proclama Jorquera no ateigado mitin de peche de campaña
Porque diso vai o 28M, de que dirección toma A Coruña. A vía do PP leva ao pasado. A do PSOE, a facer máis do mesmo. Só o BNG defende un cambio de rumbo, expresou con enerxía Jorquera, precedido no uso da palabra por Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, quen o presentou como o alcalde que necesita A Coruña para desenvolver todo o enorme potencial que temos como urbe. Tamén tomaron a palabra Xabier Pérez Couto, un mozo de 26 anos, número 19 na candidatura nacionalista, e Avia Veira, número 2, quen fixo un vigoroso alegato a favor dunha votación masiva o 28M. “O voto é a ferramenta para mudar as cousas. Este 28M é unha papeleta rectangular e nela aparece inscrito o nome de Francisco Jorquera, o alcalde chamado a liderar as mudanzas que precisamos”.
“A Coruña experimentou nos últimos 12 anos gobernos de distinto signo. Gobernaron en solitario consecutivamente o PP, a Marea Atlántica e o PSOE. Ningunha desas forzas foi quen de lle dar á Coruña o impulso que a cidade necesita. Por iso pídovos que lle deades unha oportunidade ao BNG. Dádelle unha oportunidade ao BNG!”, clamou o candidato do Bloque.
A campaña deitou unha evidencia, a de que a forza nacionalista está en ascenso e que “imos ser decisivos”, remarcou Jorquera. “Mais non nos conformamos. Porque A Coruña non pode permitirse catro anos máis de continuismo, cun Goberno Local que estivo máis pendente das fotos, dos titulares e dos seus problemas internos, do que de atender as necesidades da Coruña no día a día”, criticou.
De aí que defendese que “A Coruña merece máis”. A alternativa que representa o BNG é “unha política distinta, ética, participativa”. “A alternativa que levará a María Pita os vosos desexos e aspiracións. E iso só pode vir da man do BNG”.
O BNG, subliñou, é “o voto útil” fronte ás fórmulas xa gastadas e experimentadas de PP e PSOE. “E estou convencido de que se todas as coruñesas e coruñeses que queren ese cambio de rumbo concentran o voto no BNG esa mudanza será posíbel”, enfatizou.
A Casa Cornide
No seu discurso, Jorquera anunciou que desde a Alcaldía impulsaría de inmediato a presentación da demanda contra os Franco “para que nos devolvan a Casa Cornide!!”, unha acción simbólica que mostra que o Goberno Local que se propón liderar o BNG está no lado xusto da historia, alí onde están a inmensa maioría das coruñesas e coruñeses.
Debullou o candidato do BNG aspectos centrais das políticas que a formación nacionalista vai impulsar desde o executivo coruñés. A idea é converter A Coruña nun modelo de calidade urbana, de acordo coa filosofía do pedagogo italiano Francesco Tonucci. “Tonucci fala da cidade dos nenos. Un modelo de cidade no que os nenos e as nenas podan xogar e moverse libremente polo espazo libre. Ou ir eles sos ao cole sen que iso sexa motivo e preocupación para os pais”, resaltou.
“Se unha cidade está pensada para os nenos, esa cidade será tamén unha cidade amábel, acolledora e segura para adultos e maiores. Serao tamén para un invidente, para unha persoa que vaia en cadeira de rodas ou para unha parella xoven cun cocheciño de bebé. Ese é o modelo que queremos para Coruña”, engadiu.
Os barrios da cidade
Mais ese modelo ten de ser para toda A Coruña, non só para o centro da urbe. “Non queremos unha cidade con barrios de primeira e outros de segunda. Por iso queremos pór os barrios no centro das políticas municipais, impulsando un plan de rexeneración e revitalización dos barrios”.
Unha Coruña que non se poña límites, que non remate na Ponte Pasaxe, que honre a súa vocación metropolitana. “Porque non se pode deseñar A Coruña do futuro sen atender esa dimensión”, dixo. De aí que o BNG se compromete a facer “o que outros non fixeron: promover a creación da área metropolitana e concertar servizos a escala comarcal”.
Esa Coruña cidade para nenos e nenas e urbe metropolitana necesariamente precisa dun outro modelo de mobilidade, acrecentou Jorquera. E aí novamente o candidato nacionalista comprometeuse a facer o que non deron feito os gobernos locais dos últimos mandatos: deseñar un novo mapa de liñas de autobús, ampliar horarios, intensificar frecuencias e dar impulso a un sistema integrado de transporte público en toda a comarca da Coruña.
Unha cidade para vivir
O proxecto de cidade do BNG non se entendería sen medidas eficaces destinadas a garantir o acceso a unha vivenda digna a prezos razoábeis. “E por iso comprometémonos, aquí tamén, a facer o que outros non fixeron: converter EMVSA nunha auténtica empresa municipal de vivenda e incrementar de xeito ambicioso o parque de vivendas públicas en réxime de aluguer.
Esa cidade para vivir precisa rexeneración urbana e nese marco a revitalización do comercio de proximidade está chamado a xogar un papel relevante nunha Coruña “verde, inclusiva e creativa”. “A nosa cidade das luces”, dixo.
Unha Coruña multicolor
A gama cromática da Coruña que imaxina o BNG componse de cinco cores, debullou Jorquera.
O azul “da nosa bandeira”, para facer da Coruña “motor económico e cultural de Galiza”. O vermello “da xustiza social”, para que a cidade deixe de ser a máis desigual do noso país. O violeta “da igualdade”, dunha Coruña “en feminino, comprometida coa igualdade de xénero e coa erradicación de toda forma de machismo”. O verde “da ecoloxía”, máis tamén da esperanza, “e a mocidade á a esperanza de futuro no noso país. Desde logo, queremos unha Coruña na que a mocidade poida realizar o seu proxecto vital.
E tamén o negro, “a cor da pel de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye. “Os mozos senegaleses que arriscaron o seu proxecto vital, mesmo a súa vida, para intentar protexer Samuel Luiz. Porque esa é a Coruña real. A Coruña que saíu en masa á rúa para repudiar ese asasinato”, dixo en ton admirativo, ao tempo que lembrou que “o BNG non titubeou en ningún momento á hora de denunciar a homofobia presente nese crime”.
Porque A Coruña real é xustamente esa, “unha cidade de persoas que naceron aquí e doutras moitas que chegaron de Galiza, outras partes do Estado e do mundo e axudaron a engrandecer unha cidade que senten como a súa”. É por iso que o BNG comprométese tamén a facer aquilo que o Goberno Local do PSOE foi incapaz de levar a termo: outorgarlles o título de fillos adoptivos da Coruña a Ibrahima e Magatte”.
Solvencia e capacidade si, arrogancia non
O BNG, afirmou Jorquera, achegará ao Goberno Local solvencia, mais tamén compromiso e cercanía, a que non tivo o Executivo coruñés do PSOE durante este mandato. “Unha queixa que moitas coruñesas e coruñeses nos transmiten é que o actual Goberno municipal moitas veces nin sequera responde ás peticións”, deslizou.
O estilo do BNG será moi distinto. “Todo o mundo sabe que o BNG sempre atendeu as demandas da veciñanza. Por iso creo que sabedes ben que eu como alcalde non confundirei nunca liderado, solvencia, capacidade, con soberbia, altiveza e arrogancia”, concluíu.