Sobre a sentenza arredor dos terreos da Agra de Santo Amaro: cómpre protexer a contorna da Torre
O grupo municipal do BNG non comparte a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre os terreos da Agra de Santo Amaro.
Nese sentido, a concelleira Avia Veira lembra que o BNG defendeu no Pleno do pasado mes de maio que no Plano Especial da Torre se suprimise a edificabilidade na contorna dun ben que ten a cualificación de Patrimonio da Humanidade.
“Cal foi o problema? Que na licitación do Plano Especial da Torre non se contemplaba esa supresión. Iso viuse nos pregos do contrato. Por un lado, apelábase a que se atendesen as previsións do PXOM de 2013 –que si abre a porta á edificabilidade- e que se tivesen en conta as sentenzas xudiciais. Mais, por outro, facíase alusión a que se considerase unha moción de setembro de 2016 en que se avogaba pola non edificación. As dúas cousas á vez son evidentemente imposíbeis”, explica Avia Veira.
A moción de setembro de 2016, da autoría do BNG, si foi aprobada, non así a deste mes de maio, ambas favorábeis a non edificación na contorna da Torre, votada en contra por PSOE e PP:
O BNG defendeu no Pleno do pasado mes de maio que no Plano Especial da Torre se suprimise a edificabilidade na contorna dun ben que ten a cualificación de Patrimonio da Humanidade.
Tal e como están as cousas, o que defende a formación nacionalista é que agora se outorgue a máxima protección á contorna da Torre. E nesa dirección o Executivo coruñés tería que actuar en tres eixos. A saber: “Primeiro de todo, modificar o PXOM, tal e como defendemos en 2016 e 2022. En segundo termo, hai que rescatar o antigo cárcere provincial e conseguir que sexa rehabilitado polo Estado, que é o seu propietario. E finalmente cumpre acabar co abandono e degradación da contorna da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, tal e como vén demandando de xeito reiterado a veciñanza de Monte Alto”, remarca Veira.
“Consideramos que iso é o que ten que facer o Goberno Local diante do que xulgamos como un auténtico escándalo urbanístico”, conclúe a concelleira nacionalista.