ESTE SÁBADO, TRIBUTO NO CEMITERIO DE SANTO AMARO

Sempre con Pedro Galán Calvete

Tributo Pedro Galán Calvete 2
A homenaxe realizada en 2019
Ao mozo coruñés Pedro Galán Calvete asasinárono en setembro de 1936, con apenas 19 anos recén cumpridos, e fixérono polo seu compromiso co ideario nacionalista, republicano, progresista e demócrata. O seu corpo sen vida apareceu nunha gabia dunha estrada na Corveira (Culleredo).
Sempre con Pedro Galán Calvete

E, como é tradición, o grupo de barrio do BNG e Galiza Nova da Coruña vanlle render tributo á súa memoria este sábado, a partir das 12 horas, nun acto que terá lugar no cemiterio de Santo Amaro e que contará coa intervención do escritor Lois Diéguez e coa música de Moncho do Orzán.

Canda un entusiasta grupo de mozos  -entre eles,  Jenaro Marinhas del Valhe, co paso do tempo notábel dramaturgo-  Galán Calvete foi fundador das Mocedades Galeguistas e precoz colaborador da cabeceira nacionalista A Nosa Terra. E non só iso, senón que tivo tamén tempo para o activismo social como o demostra a súa participación na fundación do Clube do Mar, de cuxa xunta directiva fixo parte.

Contábel na empresa de xabóns “A Toxa”, traballo que compaxinaba cos seus estudos de dereito, mantivo sempre posicións nidiamente anti-fascistas, o que lle valeu o odio dos seus verdugos.

 

Sempre con Pedro Galán Calvete