"É O ALCALDE QUE PRECISA A CORUÑA PARA SITUAR ESTA CIDADE Á VANGARDA DE GALIZA"
Ana Pontón: "Jorquera será un alcalde coas mans libres para defender A Coruña ante a Xunta e o Estado"
“Vangarda de Galiza no urbanismo, nunha mobilidade sustentábel, no acceso á vivenda, na defensa dos servizos públicos de calidade, punta de lanza na promoción da economía produtiva e do emprego de calidade. Vangarda na ciencia e na innovación, no ámbito cultural e artístico”, remarcou.
Pontón puxo a énfase en que Jorquera será “un alcalde coas mans libres para defender A Coruña ante o Goberno da Xunta e ante o Goberno do Estado”. “Non será nin o delegado dun nin o delegado doutro en María Pita”, argüíu.
E iso significa que as coruñesas e os coruñeses “poden ter a total certeza de que o Paco Jorquera alcalde non tolerará a discriminación que supón que o Estado condone a débeda do porto de Valencia, mentres fai pagar á veciñanza polo Porto da Coruña”, clamou Pontón. “Nin tampouco permitirá que o Estado pretenda traspasar ao Concello o antigo cárcere sen garantir a rehabilitación plena dun edificio que hoxe é pura ruína por culpa dese mesmo Estado”, acrecentou.
"O Jorquera alcalde non será nin o delegado da Xunta nin o delegado do Estado en María Pita"
Na mesma liña, completou: “O Paco Jorquera alcalde non permitirá que o Goberno do PP volva apostar polo cemento na ampliación do CHUAC, mentres ignora o colapso nos centros de atención primaria da cidade, corazón do sistema sanitario. Nin baixará a cabeza sumisamente ante proxectos urbanísticos que agreden o litoral (como o das Percebeiras)”.
Ten claro a líder do BNG de que Jorquera é o alcalde que A Coruña precisa. “E ten razón cando afirma que o BNG non naceu nesta cidade hai 40 anos para ser un actor secundario. Naceu para conseguir unha Coruña mellor para todos os veciños e veciñas, naceu para conseguir unha Galiza mellor”, aseverou.
O reto de Jorquera, esclareceu xa para concluír, é “traballar a favor dunha Coruña máis próspera e con futuro, con benestar social e servizos públicos fortes, unha cidade na que vivir e traballar. Unha Coruña que sexa protagonista da Galiza que desexamos e que merecemos”.